A Consellería de Sanidade confirma que as novas restricións no Carballiño, O Irixo e Boborás implican o peche de todos os bares e restaurantes -agás os situados en hoteis e centros de traballo-, que só poderán manter os servizos de comida a domicilio. Ampliamos a información neste espazo
Fálase
O Congreso dos Deputados debate dende as 9 da mañá deste mércores a moción de censura formulada polo grupo de extrema dereita Vox contra o Goberno do PSOE e Unidas Podemos. A sesión arrinca coa incógnita do sentido do voto do PP ante unha censura que, en todo caso, non xuntará votos dabondo e na que está previsto que interveñan os líderes das dúas forzas que sustentan o Executivo, Pedro Sánchez e Pablo Iglesias. Pódese seguir ao vivo na web do Congreso.
Sanidade restrinxe as reunións a só convivintes en Santiago e no Milladoiro e a un máximo doutras cinco persoas no resto de Galicia. A Xunta tamén establece un novo confinamento perimetral en Verín, Oímbra e Vilardevós e mantén o resto de restricións xa activas. As novas medidas entrarán en vigor na medianoite do mércores ao xoves. Toda a información, neste espazo de Praza.gal
A Audiencia Nacional absolve o ex-xefe dos Mossos d'Esquadra, Josep Lluis Trapero, da acusación de sedición pola que a Fiscalía pedía dez anos de prisión para el no marco do proceso soberanista catalán. O tribunal, que tampouco contempla o delito de desobediencia, non ve acreditado que o antigo xefe da Policía catalá colaborase, como tal, nas iniciativas a prol da independencia do Goberno da Generalitat. Adiantouno a Cadena SER
Alba Cid, Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández 2020 pola súa obra Atlas. O xurado salienta a obra “por constituír unha reflexión sobre como a literatura elabora mapas da realidade e sobre o valor moral que pode ter a literatura como problematización do mundo”. A pasada semana foi Olga Novo a galardoada co Premio Nacional de Poesía por Feliz Idade.
Brote de coronavirus na unidade de Oncoloxía do Complexo Hospitalario de Pontevedra, no hospital provincial. O Sergas confirma seis positivos entre pacientes deste servizo, que están "en corentena" e trasladados "a dependencias de hospitalización COVID habilitadas desde o inicio da pandemia no Hospital Montecelo". Sanidade informa tamén da realización dun cribado entre o resto de pacientes e medidas adicionais de desinfección. Ampliamos a información neste espazo (Imaxe CC BY-NC-SA Ben Riobó)
O Comité Clínico da Xunta aborda este serán a eventual modificación ou ampliación das restricións en diversos concellos polo coronavirus, con boa parte dos focos en Santiago e a súa contorna por mor da elevada incidencia. Podes consultar nesta ligazón o vixente mapa de restricións, concello a concello.
Os primeiros datos e proxeccións das eleccións en Bolivia apuntan a unha ampla vitoria do Movimiento al Socialismo, o partido de Evo Morales encabezado agora por Luis Arce, con máis do 50% dos votos. Tras os anteriores comicios, Morales advertiu dun golpe, foi forzado a dimitir e o Goberno, asumido por unha presidenta provisional impulsada polos militares e forzas da dereita. Os resultados definitivos coñeceranse o martes.
Centos de persoas participan en Compostela na manifestación convocada en solidariedade cos 12 militantes de Causa Galiza e Ceivar que este luns serán xulgados na Audiencia Nacional, acusados de enaltecemento do terrorismo. Na marcha destacouse que "non son terroristas, son independentistas". O caso deriva da 'Operación Jaro' desenvolvida entre 2015 e 2017 e que levou á ilegalización destas dúas organizacións, posteriormente anulada.
Xa se pode descargar nos dispositivos de Apple a aplicación PassCOVID, lanzada pola Xunta como complemento da app estatal RadarCOVID. A aplicación ofrece información sobre a situación da pandemia e as medidas vixentes en cada concello. Ademais, a través da app unha persoa pode informar os rastrexadores sobre os seus contactos estreitos e, igualmente, rexistrar aqueles establecementos de hostalaría nos que estivo. A descarga para dispositivos Android aínda non está dispoñible.