Sanidade restrinxe as reunións a só convivintes en Santiago e no Milladoiro e a un máximo doutras cinco persoas no resto de Galicia. A Xunta tamén establece un novo confinamento perimetral en Verín, Oímbra e Vilardevós e mantén o resto de restricións xa activas. As novas medidas entrarán en vigor na medianoite do mércores ao xoves. Toda a información, neste espazo de Praza.gal
Fálase
A Audiencia Nacional absolve o ex-xefe dos Mossos d'Esquadra, Josep Lluis Trapero, da acusación de sedición pola que a Fiscalía pedía dez anos de prisión para el no marco do proceso soberanista catalán. O tribunal, que tampouco contempla o delito de desobediencia, non ve acreditado que o antigo xefe da Policía catalá colaborase, como tal, nas iniciativas a prol da independencia do Goberno da Generalitat. Adiantouno a Cadena SER
Alba Cid, Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández 2020 pola súa obra Atlas. O xurado salienta a obra “por constituír unha reflexión sobre como a literatura elabora mapas da realidade e sobre o valor moral que pode ter a literatura como problematización do mundo”. A pasada semana foi Olga Novo a galardoada co Premio Nacional de Poesía por Feliz Idade.
Brote de coronavirus na unidade de Oncoloxía do Complexo Hospitalario de Pontevedra, no hospital provincial. O Sergas confirma seis positivos entre pacientes deste servizo, que están "en corentena" e trasladados "a dependencias de hospitalización COVID habilitadas desde o inicio da pandemia no Hospital Montecelo". Sanidade informa tamén da realización dun cribado entre o resto de pacientes e medidas adicionais de desinfección. Ampliamos a información neste espazo (Imaxe CC BY-NC-SA Ben Riobó)
O Comité Clínico da Xunta aborda este serán a eventual modificación ou ampliación das restricións en diversos concellos polo coronavirus, con boa parte dos focos en Santiago e a súa contorna por mor da elevada incidencia. Podes consultar nesta ligazón o vixente mapa de restricións, concello a concello.
Os primeiros datos e proxeccións das eleccións en Bolivia apuntan a unha ampla vitoria do Movimiento al Socialismo, o partido de Evo Morales encabezado agora por Luis Arce, con máis do 50% dos votos. Tras os anteriores comicios, Morales advertiu dun golpe, foi forzado a dimitir e o Goberno, asumido por unha presidenta provisional impulsada polos militares e forzas da dereita. Os resultados definitivos coñeceranse o martes.
Centos de persoas participan en Compostela na manifestación convocada en solidariedade cos 12 militantes de Causa Galiza e Ceivar que este luns serán xulgados na Audiencia Nacional, acusados de enaltecemento do terrorismo. Na marcha destacouse que "non son terroristas, son independentistas". O caso deriva da 'Operación Jaro' desenvolvida entre 2015 e 2017 e que levou á ilegalización destas dúas organizacións, posteriormente anulada.
Xa se pode descargar nos dispositivos de Apple a aplicación PassCOVID, lanzada pola Xunta como complemento da app estatal RadarCOVID. A aplicación ofrece información sobre a situación da pandemia e as medidas vixentes en cada concello. Ademais, a través da app unha persoa pode informar os rastrexadores sobre os seus contactos estreitos e, igualmente, rexistrar aqueles establecementos de hostalaría nos que estivo. A descarga para dispositivos Android aínda non está dispoñible.
Novedades Carminha foron os grandes triunfadores da edición 2020 dos Premios da Música Independente (MIN), obtendo os premios ao mellor artista, mellor álbum de pop e mellor directo. Ademais, Os Amigos dos Músicos levaron o premio ao mellor álbum en galego
O persoal mobilizado da CRTVG celebra o 126º venres negro e denuncia que "nada se move" na Corporación. Defende A Galega esixe o cumprimento da Lei de Medios, o nomeamento do director xeral por maioría cualificada e a creación dun Consello de Informativos.