Galicia aumentou un 35% o número de explotacións apícolas na última década, ata achegarse ás 5.000. É a terceira comunidade autónoma en número de explotacións e a quinta en mel producido, cunhas 3.000 toneladas, segundo salientou a Xunta no marco da II Feira do Mel Alvariza en Lalín.
Fálase
Rueda di que “non hai nada que facer” na CRTVG coa proposta de Feijóo de levar a “independencia” aos medios públicos. O presidente di que “é bo que os medios públicos non estean politizados, e como creo que os medios públicos de Galicia non están politizados, creo que non hai nada que facer, e se estivesen politizados por suposto que o faría”.
Rueda confirma que “non vai haber apoio económico a centros que segreguen por sexo” nos novos concertos coa escola privada. O presidente, preguntado sobre a posibilidade denunciada pola CIG de que se manteñan eses concertos, ratifica que “a lei establece que non e polo tanto non se van renovar”. [Imaxe: Xunta]
O uso da máscara deixará de ser obrigatorio no transporte público o vindeiro 8 de febreiro. Así o vén de confirmar a ministra de Sanidade, Carolina Darias, que confirma que o cambio da normativa será aprobado no Consello de Ministros do día 7. "Manteranse as actuais condicións en centros sanitarios, establecementos sanitarios e centros sociosanitarios". Esta medida contra a COVID fora implantada en maio de 2020, no inicio do desconfinamento.
Unha deputada do PP de Ourense censura que a reforma da Lei de Seguridade Cidadá quere “desarmar” á policía por pedirlle que respecte os dereitos humanos. Ana Vázquez Blanco, portavoz de Interior dos populares, pregúntase quen defende os dereitos humanos dos axentes.
EPA | Galicia rematou 2022 con 1.104.500 persoas traballando, 13.200 máis que un ano antes, segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA) do cuarto trimestre do pasado ano, que vén de ser publicada. Nese trimestre, a poboación en situación de desemprego quedou en 131.400 persoas, 3.700 menos que no remate de 2021. Entre trimestres, non obstante, a ocupación diminúe en Galicia un -0,83%.
Galicia será a sede da fase final da Copa de Rexións da UEFA de fútbol masculino o vindeiro xuño. Segundo informa a Federación Galega de Fútbol, os posibles rivais da selección galega nesa competición serán Lisboa, Bavaria, Belgrado, República de Irlanda, Zenica-Doboj, Zlín ou a vixente campioa, Dolny Śląsk. A Federación indica que a vindeira semana unha delegación da UEFA visitará Galicia "para visitar os posibles estadios que serán sede" da competición. Esta copa dispútana xogadores que nunca participaron en ningunha competición futbolística profesional e a UEFA sinálaa como "escaparate do talento do fútbol europeo". [Foto: © Federación Galega de Fútbol]
O Sergas disponse a ampliar o rango de idade dos cribados de cancro de mama: serán citadas mulleres dende 45 anos de idade e non a partir dos 50, como ata agora, e estenderase o límite máximo dos 69 aos 74 anos, segundo avanzou este mércores no Parlamento o presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Sanidade prevé que se incrementen nunhas 200.000 as mulleres que se beneficien destes controis preventivos. Na imaxe [CC BY-SA Xunta], exame dunha mamografía.
O Congreso convalida o terceiro Real Decreto de medidas contra a crise de prezos do Goberno de España por 175 votos a prol, 7 en contra e 164 abstencións, entre elas as de formacións como PP, ERC ou o BNG. Trátase do paquete do escudo social que inclúe accións como a supresión do IVE da alimentación básica por seis meses ou o cheque de 200 euros para as rendas máis baixas. O pleno da Cámara Baixa acordou tamén tramitar este mesmo Real Decreto como proxecto de lei por vía de urxencia, o que implica que os grupos parlamentarios poden formular emendas para agregar novas medidas ou modificar algunhas das xa vixentes. Na imaxe, comparecencia de Pedro Sánchez no mesmo pleno.
Descarrila un tren de mercadorías que circulaba baleiro na liña Ourense-Santiago -no trazado antigo, non no de alta velocidade- á altura de Lalín e o maquinista resulta ferido. Segundo informa emerxencias, "descarrilou tras atoparse cun derrubamento sobre a vía e acabou por colidir contra o piar dunha ponte" da estrada PO-902. "A locomotora e varios vagóns quedaron envorcados lateralmente", especifica o 112, "mentres que o maquinista puido saír coa axuda dos Bombeiros de Silleda" e sen "feridas de consideración". Na imaxe -tirada de Google Maps-, o lugar do accidente.