18F | O PP mantería a maioría absoluta malia perder tres escanos, segundo unha enquisa de Hamalgama Métrica para Vozpópuli. O BNG repetiría os 19 escanos das anteriores eleccións galegas, mentres que o PSdeG subiría un. Sumar e Vox entrarían no Parlamento con cadanseu escano.
Fálase
Milleiros de persoas saen á rúa en Vigo polo "fin do xenocidio e a ocupación" en Palestina, nunha xornada de protesta en máis de 90 concellos do Estado. Foto: Ecoloxistas en Acción.
A maior parte de Galicia ergueuse este sábado con temperaturas baixo cero e importantes xeadas. Meteogalicia prevé unha suba nos termómetros xa para mañá domingo.
18F | O PP revalidaría a maioría absoluta con 39 escanos, o BNG sobe, o PSdeG estáncase e DO entraría no Parlamento, segundo unha enquisa de E-M Analytics para Nós Diario. Sumar e Podemos non lograrían representación no Parlamento. Podes consultar aquí os datos de todos os inquéritos publicados.
Josep Borrell, responsable de Exteriores da UE, salienta que Israel financiou Hamas para debilitar a Autoridade Nacional Palestina e defende que a solución de dous estados "debe ser imposta desde o exterior para traer a paz". "A única solución posible, se excluímos a extinción dunha das partes, é crear dous estados que compartan a terra pola que levan cen anos morrendo", di Borrell na súa investidura como doutor Honoris Causa pola Universidade de Valladolid. "Todo o mundo o pensa menos o goberno israelí". [Imaxe: PSOE de Valladolid]
A Audiencia da Coruña xulga a próxima semana un acusado de estafar 60.000 euros á Xunta con correos electrónicos nos que se facía pasar por un contratista. O xuízo fora sinalado inicialmente para o pasado xuño.
A Xunta Electoral Central amplía ata o xoves 15 de febreiro o prazo para depositar o voto por correo para o 18F. Os solicitantes comezarán a recibir a documentación dentro de dez días e agora vén ampliado nun día máis o prazo para votar, que ata agora remataba o 14.
Educación rectifica e convoca catro prazas de portugués só para EOI nas oposicións de 2024. A asociación Docentes de Português na Galiza lamenta que a Xunta continúe sen convocar prazas para profesores de Secundaria.
A socialista Paula Alvarellos, elixida nova alcaldesa de Lugo en substitución de Lara Méndez cos votos dos grupos municipais de PSdeG e BNG, que continuarán gobernando en coalición. Méndez renunciou á alcaldía para concorrer ás eleccións galegas como número dous da candidatura socialista na provincia lucense, que encabeza o candidato á presidencia, José Ramón Gómez Besteiro.
O Congreso aproba a reforma da Constitución para substituír o termo "diminuídos" por "persoas con discapacidade" no artigo 49. Os únicos votos en contra foron os de Vox. O presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, pide "desculpas" pola demora da reforma e coida que o novo texto "salda unha débeda moral". A mudanza pasa agora ao Senado, onde previsiblemente sairá tamén aprobada por ampla maioría absoluta. Na imaxe [© Congreso], o pleno aplaude a representantes de entidades de persoas con discapacidade, tras a votación -a sesión celebrouse no Senado por mor das obras que se están a desenvolver na sede da Cámara Baixa-.