A galega Pauleta estréase coa 'seleção' portuguesa de fútbol nunha vitoria ante Eslovaquia por 4-0. Paula Domínguez Encinas, nada en Redondela hai 28 anos, xoga no Benfica.
A galega Pauleta estréase coa 'seleção' portuguesa de fútbol nunha vitoria ante Eslovaquia por 4-0. Paula Domínguez Encinas, nada en Redondela hai 28 anos, xoga no Benfica.
Madonna responde ao Celta que garda a súa camiseta e que a usa e representa o equipo co seu espírito. O club enviara unha carta á cantante preguntándolle pola camiseta que lucira no seu concerto en Vigo en 1990.
Renfe activa un visor en tempo real dos seus trens de alta velocidade, longa distancia e media distancia. O visor súmase ao que xa activara en novembro para os servizos de proximidade pero obviando os existentes na liña de ancho ibérico en Ferrol, únicos de Galicia.
A folga médica do sindicato O'Mega na atención primaria provocou a suspensión de máis de 22.000 consultas en Galicia en catro días. O Sergas reduce na mañá deste venres a menos do 5% o seguimento dun paro indefinido que continúa tras non chegar a un acordo a organización convocante coa Consellería de Sanidade na reunión do pasado xoves. O'Mega eleva ao 75% o apoio á folga.
O Parlamento concede por unanimidade a súa Medalla ás nove deputadas que en 1995 participaron na Conferencia Mundial da Muller celebrada pola ONU en Beijing. Trátase de María Xosé Ares, Teresa Fernández, Pilar Pedrosa, María Fernanda Cerviño e Elisa Madarro (PP), María Xosé Porteiro e María Antonia Álvarez (PSdeG) e Pilar García Negro e Olaia Fernández Dávila (BNG). A decisión da Mesa do Parlamento inclúe outorgar a mesma condecoración a Manuela López Besteiro, na altura conselleira de Familia, Muller e Xuventude. O lexislativo galego entrega as súas medallas o 6 de abril, no aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía. Na imaxe, un intre da Conferencia [© ONU/Milton Grant]
O Celta suma a SonDeSeu á súa procura da histórica camisola do equipo que luciu Madonna no seu concerto de 1990 en Balaídos. A Orquestra Folk interpretará un tema da raíña do pop na previa do partido do conxunto vigués contra o Real Madrid, este serán (21:00). "Será a primeira vez que SonDeSeu aborda un tema pop" nos seus 25 anos de historia, destaca o Celta sobre unha interpretación que conta con arranxos de Mat Amy e de Anxo Pintos. O club encadra esta actuación como continuidade da súa "aposta pola cultura e pola música galega". Imaxe: RC Celta.
O PP inventa que a ministra de Defensa afirma "estou con Trump" ante o embaixador dos EUA e esgrime unha falsa transcrición dun vídeo no que Margarita Robles di "estou cómoda" en referencia á temperatura da estancia onde se celebraba a xuntanza, o pasado día 4. Horas despois de que ficase amplamente acreditado que a acusación non se correspondía coa realidade a formación encabezada por Alberto Núñez Feijóo reiterou a falsa transcrición a través das redes sociais mentres, nun acto público, o ex-presidente galego acusaba a Pedro Sánchez de mentir a respecto da ausencia de apoio do Goberno de España a Trump no ataque a Irán.
Trump volve atacar a España, á que cualifica de "perdedora" e acusa de ter unha actitude "moi hostil" coa OTAN. "Non se comporta como un bo compañeiro de equipo e nós tampouco imos selo con España", asegurou o presidente dos EUA. Foto: CC-BY-SA Gage Skidmore.
O pleno da Coruña acorda continuar co proceso xurídico para a recuperación da Casa Cornide contra os Franco. Todos os grupos (PSOE, BNG e PP) votan a favor da declaración de non caducidade do procedemento de revisión de oficio dos acordos de 1962, artimaña usada pola familia do ditador para quedar co palacete, logo do recurso dos herdeiros do xeneral fascista para pór fin ao proceso de expropiación.
España enviará a Chipre a fragata Cristóbal Colón, con base en Ferrol, ante os ataques de Irán. A embarcación chegará o 10 de marzo á illa do Mediterráneo xunto ao portaavións francés Charles de Gaulle e outros navíos da Armada grega. A misión do buque español será ofrecer "protección e defensa aérea" e estar listo para calquera posible evacuación de persoal civil. Foto: © Ministerio de Defensa.