O embaixador da China reúnese con Ana Pontón tras participar no foro Oportunidades de cooperación e investimento entre empresas galegas e chinesas, organizado pola patronal galega e no que participou a Xunta. A portavoz nacional do BNG avoga ante Yao Jing por "potenciar as relacións comerciais e abrir novas oportunidades ás empresas galegas" no seu país. "Somos un país que ofrece grandes oportunidades para acoller proxectos que sexan sustentables, que acheguen riqueza e xeración de emprego, e que teñan nesa sustentabilidade e no desenvolvemento tecnolóxico un dos seus piares", sinalou.
