A Xunta suprime dende o sábado 12 o veto ás reunións entre non conviventes de 1 a 6 da madrugada e os límites máximos no número de persoas que se poden xuntar, agás na hostalería. Toda a hostalería poderá abrir ata a 1 da madrugada se conta con medidores de CO2. Feijóo avanza ademais que o Goberno galego vén de iniciar unha "revisión integral de toda a regulación" que ten vixente en materia de restricións para ámbitos como a hostalería, cultura ou deporte co obxectivo de "actualizar as limitacións" ao novo contexto. Máis información, hoxe en Praza.gal.
Fálase
Jácome anuncia que somete a súa continuidade na alcaldía de Ourense a unha cuestión de confianza que se votaría o vindeiro día 14. Así o vén de anunciar no pleno municipal extraordinario, que rexeitou unha modificación de créditos para investimentos por importe de 62 millóns de euros, á que PSdeG e BNG se opuxeron e na que o PP se abstivo. Nesa votación serán clave os votos do PP. A lei fixa que os orzamentos municipais son un dos asuntos que poden vincularse a unha cuestión de confianza. Na imaxe, Jácome e Feijóo en xullo de 2019.
O Pleno do Parlamento comezou este mércores con lembranzas de todos os grupos á deputada socialista Isaura Abelairas, falecida de cancro a pasada semana. Os socialistas deixaron rosas vermellas no seu escano baleiro.
O BOE publica a modificación das normas para o control da COVID nas fronteiras e agora si exime as persoas que cheguen dende Portugal de ter que presentar certificado de vacinación ou un test do virus con resultado negativo. O Goberno de España pasa a aplicar este requisito por vía terrestre unicamente a quen chegue de zonas de risco de Francia.
Mos, Oroso, Soutomaior, Viveiro e Xove entrarán o vindeiro sábado, 12 de xuño, no nivel medio de restricións pola COVID-19. Así o vén de acordar o comité clínico que asesora á Xunta, que se volverá reunir o vindeiro martes para analizar de novo a situación epidemiolóxica de cada concello. Neste momento non hai ningunha localidade en niveis altos de restrición pola pandemia. [Foto: Ana Varela/Xunta]
- MAPA INTERACTIVO | Restricións da Xunta pola COVID-19 dende o 12 de xuño
O Xulgado admite o recurso da familia Franco contra a suspensión das actuacións sobre Meirás ata resolver se o mobiliario é parte do predio. A familia do ditador rexeita as cuestións incidentais promovidas pola Administración Xeral do Estado e o Concello de Sada.
Feijóo considera "perfecto, axeitado e oportuno" que o PP se manifeste o vindeiro domingo en Madrid con Vox e C's contra os posibles indultos aos líderes independentistas cataláns por parte do Goberno de España. O presidente da Xunta, que non secundará a manifestación porque -segundo indica o Goberno galego-, á hora en que se celebra xa estará viaxando para participar nunha recepción do Papa ao día seguinte, afirmouno nun almorzo informativo en Madrid que recolle a TVG. Na imaxe (CC BY-SA Xunta), Feijóo no evento ao carón de Pablo Casado.
Numerosos servizos en internet, caídos a nivel global. Entre os afectados están portais e servizos como Amazon, Spotify ou Reddit e tamén numerosos medios de comunicación. Diversas fontes apuntan como orixe do problema un fallo en Fastly, un servizo na nube para acelerar contidos web, segundo informa Xataka.
Portugal asegura que o Goberno de España lle garante que vai corrixir decontado a obriga de presentar certificados de vacinación ou de probas negativas da COVID para atravesar a fronteira. "Será corrigido esse equívoco manifesto", afirma o ministro dos Negócios Estrangeiros, Augusto Santos Silva, en declaracións que recolle o Diário de Notícias. (Imaxe: AECT Rio Minho)
Casa Asia recoñeceu este luns en Barcelona a Xulio Ríos “polo seu labor de divulgación da realidade china e como director do Observatorio da Política China e do Igadi”, que fundou hai 30 anos.