O grave incendio que afecta a Sierra de la Culebra, en Zamora, obriga a cortar a conexión do AVE con Galicia. O lume queimou xa unhas 20.000 hectáreas. Foto: BRIF Puerto El Pico.

O grave incendio que afecta a Sierra de la Culebra, en Zamora, obriga a cortar a conexión do AVE con Galicia. O lume queimou xa unhas 20.000 hectáreas. Foto: BRIF Puerto El Pico.
Máis de 146 hectáreas ardidas nun incendio en Larouco, extinguido este mediodía. No parque natural do Invernadoiro, en Vilariño de Conso, está estabilizado outro que arrasou dez hectáreas, segundo informa Medio Rural. Foto: ATBRIF.
Tanxugueiras lanzará o 29 de xullo o seu novo disco, que xa se pode mercar en pre-venda. O trío, que lanza de forma irónica unha "Plataforma de Afectadxs polo Novo Álbum de Tanxugueiras", destaca que “non temos a portada, non temos o nome do disco e, como sigamos así, non imos ter vergoña. Pero se cres que somos un investimento máis seguro que as criptomoedas, xa podes apoiarnos coa prevenda do disco”. Ademais, na noite de San Xoán as pandeireteiras publicarán en todas as plataformas dixitais o seu novo sinxelo, ‘Seghadoras’
Dous incendios no concello de Larouco queimaron máis de 200 hectáreas. O rexistrado na parroquia de Seradur quedou estabilizado a pasada noite tras arrasar 120 hectáreas, mentres que o de Freixido permanecía activo esta mañá e xa queimou 100 hectáreas, segundo informa Medio Rural. Foto: Incendios Galicia.
A causa pola que están imputados en Andorra o ex-presidente Rajoy e os ex-ministros Montoro e Fernández Díaz sinala a implicación de institucións do Estado en chantaxes e extorsións a independentistas cataláns. É unha información da Cadena SER, que tivo acceso ao sumario, segundo a cal dous bancos andorranos serían intervidos (o cal aconteceu) se non revelaban información financeira de líderes cataláns. Na imaxe, Rajoy e Fernández Díaz nun acto do PP en 2016.
Novo derrubamento no viaduto do Castro, na entrada da A-6 en Galicia pero aínda na provincia de León, a poucos metros de Pedrafita. O tenente de alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, atopábase na zona no momento do desprendemento [na imaxe © Rubén Arroxo].
Antón Sánchez dimite como voceiro nacional de Anova. Este xoves trasladou a decisión á Coordinadora Nacional da formación e mais á militancia "despois dun proceso de reflexión persoal". "Non podo evitar recoñecer a constatación de que ata agora Anova non ten avanzado como organización aos efectos de server como instrumento orgánico axustado a tales obxectivos auto-propostos colectivamente por todas e todos nos", salienta nunha carta a través das súas redes sociais na que di que non fará unha "análise política polo miúdo".
Sánchez foi deputado por En Marea e continuaba na dirección de Anova, onde levaba dous anos como portavoz, aínda que con moita menos presenza pública nos últimos tempos. No seu comunicado, no que di asumir os erros, sinala que "hai veces que é preciso dar un paso atrás para posibilitar unha alternativa para poder mellorar e avanzar". "Xa non sinto que poida ser útil como voceiro nas circunstancias actuais", indica para engadir que pensa "que será colectivamente como atoparemos o mellor camiño e as mellores solucións". Nese traballo seguirá agora, "como un militante máis de Anova".
A canción galega AI-LALELO clasifícase para a final da Eurovisión das cancións escritas por intelixencia artificial, que se celebrará o 6 de xullo en Liexa (Bélxica). O tema é o resultado do traballo de varios meses dun equipo multidisciplinar, coordinado pola axencia compostelá CECUBO Group. Dende este xoves o público pode votar de balde pola súa canción favorita a través da páxina oficial do festival (nesta ligazón para facelo pola canción galega). O voto do público e o do xurado, ao 50%, decidirá o gañador entre as 15 finalistas.
A Xunta concede as Medallas Castelao de 2022 a Camilo Nogueira, ao cociñeiro Javier Olleros, ao xornalista Javier Sánchez de Dios, á coral coruñesa El Eco e ao equipo feminino do Burela Fútbol Sala. Son as primeiras Medallas Castelao que o Goberno galego concede con Rueda como presidente. Os recoñecementos entréganse o 28 de xuño, no aniversario da traída dos restos de Castelao a Galicia en 1984.
O alcalde de Pontevedra ratifica que recuncará como candidato do BNG en 2023. Miguel Anxo Fernández Lores asegura sentirse "no mellor momento" para continuar encabezando o goberno local cun "proxecto a medio prazo". Afirmouno nun acto coa portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, que expresa unha "alegría especial" pola decisión de Lores, xa que "todo o BNG ten ollado Pontevedra para aprender como se pode gobernar para mellorar a vida das persoas, como se pode usar o goberno como instrumento de transformación en positivo". Lores é alcalde de Pontevedra dende 1999 e, de lograr revalidar a alcaldía, o de 2023 sería o seu sétimo mandato. [Imaxe: BNG]