Antón Sánchez dimite como voceiro nacional de Anova. Este xoves trasladou a decisión á Coordinadora Nacional da formación e mais á militancia "despois dun proceso de reflexión persoal". "Non podo evitar recoñecer a constatación de que ata agora Anova non ten avanzado como organización aos efectos de server como instrumento orgánico axustado a tales obxectivos auto-propostos colectivamente por todas e todos nos", salienta nunha carta a través das súas redes sociais na que di que non fará unha "análise política polo miúdo".
Sánchez foi deputado por En Marea e continuaba na dirección de Anova, onde levaba dous anos como portavoz, aínda que con moita menos presenza pública nos últimos tempos. No seu comunicado, no que di asumir os erros, sinala que "hai veces que é preciso dar un paso atrás para posibilitar unha alternativa para poder mellorar e avanzar". "Xa non sinto que poida ser útil como voceiro nas circunstancias actuais", indica para engadir que pensa "que será colectivamente como atoparemos o mellor camiño e as mellores solucións". Nese traballo seguirá agora, "como un militante máis de Anova".