Dous incendios no concello de Larouco queimaron máis de 200 hectáreas. O rexistrado na parroquia de Seradur quedou estabilizado a pasada noite tras arrasar 120 hectáreas, mentres que o de Freixido permanecía activo esta mañá e xa queimou 100 hectáreas, segundo informa Medio Rural. Foto: Incendios Galicia.
Fálase
A causa pola que están imputados en Andorra o ex-presidente Rajoy e os ex-ministros Montoro e Fernández Díaz sinala a implicación de institucións do Estado en chantaxes e extorsións a independentistas cataláns. É unha información da Cadena SER, que tivo acceso ao sumario, segundo a cal dous bancos andorranos serían intervidos (o cal aconteceu) se non revelaban información financeira de líderes cataláns. Na imaxe, Rajoy e Fernández Díaz nun acto do PP en 2016.
Novo derrubamento no viaduto do Castro, na entrada da A-6 en Galicia pero aínda na provincia de León, a poucos metros de Pedrafita. O tenente de alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, atopábase na zona no momento do desprendemento [na imaxe © Rubén Arroxo].
Antón Sánchez dimite como voceiro nacional de Anova. Este xoves trasladou a decisión á Coordinadora Nacional da formación e mais á militancia "despois dun proceso de reflexión persoal". "Non podo evitar recoñecer a constatación de que ata agora Anova non ten avanzado como organización aos efectos de server como instrumento orgánico axustado a tales obxectivos auto-propostos colectivamente por todas e todos nos", salienta nunha carta a través das súas redes sociais na que di que non fará unha "análise política polo miúdo".
Sánchez foi deputado por En Marea e continuaba na dirección de Anova, onde levaba dous anos como portavoz, aínda que con moita menos presenza pública nos últimos tempos. No seu comunicado, no que di asumir os erros, sinala que "hai veces que é preciso dar un paso atrás para posibilitar unha alternativa para poder mellorar e avanzar". "Xa non sinto que poida ser útil como voceiro nas circunstancias actuais", indica para engadir que pensa "que será colectivamente como atoparemos o mellor camiño e as mellores solucións". Nese traballo seguirá agora, "como un militante máis de Anova".
A canción galega AI-LALELO clasifícase para a final da Eurovisión das cancións escritas por intelixencia artificial, que se celebrará o 6 de xullo en Liexa (Bélxica). O tema é o resultado do traballo de varios meses dun equipo multidisciplinar, coordinado pola axencia compostelá CECUBO Group. Dende este xoves o público pode votar de balde pola súa canción favorita a través da páxina oficial do festival (nesta ligazón para facelo pola canción galega). O voto do público e o do xurado, ao 50%, decidirá o gañador entre as 15 finalistas.
A Xunta concede as Medallas Castelao de 2022 a Camilo Nogueira, ao cociñeiro Javier Olleros, ao xornalista Javier Sánchez de Dios, á coral coruñesa El Eco e ao equipo feminino do Burela Fútbol Sala. Son as primeiras Medallas Castelao que o Goberno galego concede con Rueda como presidente. Os recoñecementos entréganse o 28 de xuño, no aniversario da traída dos restos de Castelao a Galicia en 1984.
O alcalde de Pontevedra ratifica que recuncará como candidato do BNG en 2023. Miguel Anxo Fernández Lores asegura sentirse "no mellor momento" para continuar encabezando o goberno local cun "proxecto a medio prazo". Afirmouno nun acto coa portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, que expresa unha "alegría especial" pola decisión de Lores, xa que "todo o BNG ten ollado Pontevedra para aprender como se pode gobernar para mellorar a vida das persoas, como se pode usar o goberno como instrumento de transformación en positivo". Lores é alcalde de Pontevedra dende 1999 e, de lograr revalidar a alcaldía, o de 2023 sería o seu sétimo mandato. [Imaxe: BNG]
Morren dous mariñeiros do atuneiro vigués Albacora Cuatro durante unha explosión mentres o buque era reparado nas Seychelles. As primeiras informacións apuntan a unha fuga de amoníaco como a causa do sinistro, que tamén provocou feridas a outros oito traballadores. Na imaxe, o Albacora Cuatro [©VesselFinder]
Condenado a oito anos de cárcere un home que abusou sexualmente dunha menor tras manter contacto con ela por Instagram. A Audiencia Provincial de Ourense considera probado que o acusado cometeu un delito de abuso sexual cando tiña 24 anos (en 2018) contra unha rapaza de 15 anos á que coñeceu nesta rede social e á que non se poderá achegar a máis de 200 metros durante outros oito anos.
Para o tribunal, a declaración da afectada resulta "avalada por varios elementos de carácter obxectivo, sendo o máis destacable o obtido a través da proba pericial practicada polo instituto de toxicoloxía", pois evidencia que se atopou ADN pertencente ao procesado nas mostras que se obtiveron despois da agresión.
A primeira poxa eléctrica co tope do gas en vigor, a 'excepción ibérica' autorizada pola Comisión Europea, remata cunha baixada do 22% no prezo da luz no mercado maiorista. Pódese consultar máis información nesta ligazón e nestoutra, máis datos sobre o funcionamento do mecanismo para limitar o prezo do gas e mais as compensacións ás eléctricas. [Imaxe: CC BY-SA Juantiagues].