Pedro Sánchez convoca unha conferencia extraordinaria de presidentes autonómicos. Será na tarde do 22 de decembro, de maneira telemática, desde o Senado co fin de ″estudar medidas″ para enfrontar a incidencia da COVID-19. O presidente do Goberno do Estado advirte dun ″risco real″ cunha incidencia de ″511 casos por 100.000 habitantes a 14 días″ no conxunto do Estado, que ″esixe que intensifiquemos as nosas accións″.
″Vacinarse, vacinarse e vacinarse″, repetiu Sánchez como resposta ao coronavirus, con máis do 82% das persoas maiores cunha dose de reforzo da vacina contra a COVID e unha resposta ″igual de formidable″ nos nenos e nenas de 5 a 11 anos, pois Sánchez trasladou que ″en tres días vacinamos case o 5% desta poboación″ no Estado.