PARO REXISTRADO | As inscricións nas oficinas de emprego galegas descenderon en 9.941 persoas durante o mes de abril e quedan en 170.778. Son 20.851 menos que hai un ano, cando xa estaba en vigor a renovación automática da tarxeta do paro. O descenso mensual é, en termos porcentuais, o maior do Estado. No mesmo mes, as afiliacións medias á Seguridade Social aumentaron en 3.260 e quedan en 1.001.94, isto é, 27.223 máis que en abril de 2020, cun incremento porcentual algo menos da metade que a media estal.
Fálase
Cambados pasará este venres ao nivel máximo de restricións, no que permanecen Vilanova de Arousa, Laza e Cualedro, segundo vén de acordar o Comité Clínico que asesora á Xunta. No nivel alto estarán A Merca, A Pastoriza, Marín, Gondomar, Salceda de Caselas, Padrón, Mesía, Ribeira, Coristanco e A Laracha. E no nivel medio Carballeda de Valdeorras, Verea, Muíños, Verín, Xinzo de Limia, Allariz, Toén, Chantada, Meira, Cerdedo-Cotobade, Vilagarcía de Arousa, Soutomaior, Fornelos de Montes, Cangas, O Porriño, Tui, Vigo, Nigrán, Lalín, Silleda, Noia, Melide, Ordes, Carballo, Betanzos e Cambre
Dende este domingo, Xela Arias dá nome a unha rúa na súa Sarria natal, substituíndo á anterior rúa José Antonio Primo de Rivera, denominación vixente dende 1957. Ademais, nun acto no que participou a familia da autora, inaugurouse unha placa dedicada á poeta e un mural realizado polo artista Mon Devane.
Na súa última actualización antes da fin do estado de alarma, a metade das comunidades e Portugal quedan fóra da obriga de control polo coronavirus de viaxeiros que cheguen a Galicia. Si deben seguir comunicando á Xunta a súa estancia previa neses territorios as persoas procedentes de Francia así como de Andalucía, Aragón, Cantabria, Castela A Mancha, Catalunya, Ceuta, Madrid, Melilla, Navarra, País Vasco e A Rioxa.
O conselleiro de Economía, Francisco Conde, preside o primeiro consello de Administración da sociedade de maioría privada constituída pola Xunta para captar fondos europeos de recuperación. O vicepresidente é Francisco Botas, conselleiro delegado de Abanca, máximo accionista privado. Tamén figuran no órgano os conselleiros Valeriano Martínez e José González, o director xeral de Reganosa, Emilio Bruquetas, o director de Asuntos Legais de Abanca e o responsable da Asesoría Xurídica de Abanca, José Álvarez-Naveiro e Eduardo Cortizo. Neste órgano intégranse tamén o ex-presidente Fernando González Laxe e o catedrático de Economía Santiago Lago. Na relación de cargos feita pública pola Xunta non figura ningunha muller.
O Burela gaña a súa terceira Copa da Raíña consecutiva tras impoñerse por 1-3 ao Torreblanca Melilla. É a cuarta Copa do palmarés do equipo mariñao (Imaxe divulgada pola FGF)
Profesionais da dobraxe apoian a creación dunha canle televisiva infantil e xuvenil en galego, como reclama a 'Iniciativa Xabarín'. No vídeo, divulgado pol'A Mesa, participan Antón Rubal, Xulia Rigueiro, Luís Iglesia, Nora Abad, Monti Castiñeiras, Tere Santamaría e Tacho González, membros de APRADOGA.
Atraco con explosivos na sucursal de Caixa Rural Galega na Pastoriza. O material explosivo foi empregado para levar os cartos do caixeiro automático da oficina. O Concello da localidade lucense confirma que os "graves estragos" no local provocarán que non poida funcionar con normalidade durante uns días. Os feitos aconteceron de madrugada e durante a mañá, efectivos da Garda Civil investigaban o acontecido. (Imaxe: CC-BY-SA Praza Pública)
A Xunta incorpora Laza aos concellos co nivel máximo de restricións pola COVID-19, no que seguen Vilanova de Arousa e Cualedro e do que sae Carballeda de Valdeorras. Dende o luns, 3 de maio, máis dunha vintena de municipios cambian de nivel de restricións. Segundo informa Sanidade, estarán no nivel alto Petín, A Merca, A Pastoriza,Mesía, Ribeira, Padrón, Marín, O Grove, Meaño, Cambados, Salceda de Caselas, Gondomar, Ponteareas e Coristanco. Sitúa no nivel medio a Muíños, Verea, O Barco de Valdeorras, Cartelle, Lobios, Verín, Xinzo de Limia, Allariz, Carballeda de Valdeorras, Meira, Chantada, Rianxo, A Pobra do Caramiñal, Melide, Carnota, Ordes, Lalín, Silleda, Ribadumia, Poio, Vilagarcía de Arousa, Cangas, Nigrán, O Porriño, Tui, Vigo, A Laracha, Betanzos, Cambre, Carballo e Ares. Nos demais, rexe o nivel baixo.
A ex-conselleira de Traballo e de Medio Ambiente Beatriz Mato incorpórase á directiva da patronal galega do sector do metal, Asime, en representación da enerxética Greenalia, á que se incorporou en febreiro de 2020, dous meses despois de abandonar o liderado do PP da Coruña. Así o aprobou a entidade na súa asemblea, celebrada este xoves en Vigo. Mato tamén é directiva en Euskaltel. Na imaxe, nun acto con representantes de Asime como conselleira de Traballo en 2014.