Desde este luns e ata o 29 de agosto o servizo ferroviario entre Ourense e Santiago está suspendido e os pasaxeiros serán trasladados en autobús pola activación do sistema de seguridade ERTMS.
Fálase
Este luns hai aviso amarelo por altas temperaturas no val do Miño e Valdeorras e o martes esténdese a gran parte da provincia de Ourense e o sur de Lugo. [Imaxe: Meteogalicia]
As fins de semana de agosto Praza.gal non se actualiza por descanso do persoal. Pero deixamos moito para lerdes e o luns estamos de volta 🙂
Así soan as Tanxugueiras en catalán. O grupo publica o vídeo de Més fort, a versión de Stronger, de Kelly Clarkson, coa que participaron en La Marató, o programa benéfico de TV3 e Catalunya Ràdio dedicado na súa edición de 2022 a contribuír á loita contra as doenzas cardiovasculares.
Sanidade confirma a detección de dous exemplares de mosquito tigre en Lavadores (Vigo). Foi posible detectalos a través dun aviso mediante a aplicación Mosquito Alert, tal e como sucedera a principios de mes cos achados en Moaña, os primeiros dos que se tivo constancia en Galicia. A Consellería subliña que "ningún dos exemplares identificados en Moaña ou Vigo teñen vinculación con enfermidades transmisibles ás persoas" e engade que no comité técnico que monitoriza a presenza desta especie "a área sanitaria de Vigo confirmou que non houbo un incremento significativo no número de picaduras de insecto tratadas nos centros de saúde da comarca do Morrazo".
Este xoves é o Día da Galiza Mártir, que na data do fusilamento de Alexandre Bóveda en 1936 lembra a todas as persoas represaliadas polo franquismo. A Caeira, en Poio, o lugar onde foi asasinado, acollerá un acto institucional.
- AMPLIAMOS 👉 O Día da Galiza Mártir gaña peso institucional con Bóveda como símbolo da democracia asasinada polos golpistas
- HEMEROTECA | O Día da Galiza Mártir cumpre 80 anos sen oficializar pero cada vez máis "institucionalizado"
- O Estado anula a condena franquista a Plácido Castro e declara oficialmente o seu "recoñecemento e reparación persoal"
Sen tobogáns e agora tamén sen ondas: o parque acuático da Xunta en Ourense inhabilita por fallos o mecanismo da piscina de ondas á semana de abrir o complexo, segundo conta Faro de Vigo. O parque foi prometido por Feijóo nas eleccións galegas de 2016 e abriu aínda agora a medias, sen tobogáns, a súa primeira fase.
A selección española feminina de fútbol xogará a final do Mundial por primeira vez na Historia. O partido será este domingo, 20 de agosto, contra Australia ou Inglaterra (dependendo de quen gañe a semifinal do mércores). No equipo titular está a galega Teresa Abelleira, titular na semifinal deste martes contra Suecia.
O Concello de Santiago celebrará un acto institucional en lembranza do alcalde republicano Ánxel Casal e de todas as persoas que foron represaliadas canda el por loitar pola liberdade e a democracia tras o golpe do 36. O venres 18, ás 12h, o Pazo de Raxoi acollerá a homenaxe na que participarán tamén representantes dos concellos de Teo e Arzúa, co obxecto de visibilizar os lugares que marcaron os momentos finais da súa vida e da súa loita. Ánxel Casal foi asasinado o 19 de agosto de 1936 en Cacheiras.
Morre o xornalista Pepe Seijo, voz de Radio Lugo, da Cadena Ser, mentres traballaba na emisora. Seijo, de 57 anos, tamén foi colaborador de El País e Europa Press. [Imaxe: Cadena Ser]