Principia o traspaso de poderes do PSdeG ao BNG no Concello de Santiago. A capital galega é unha das dúas cidades galegas que mudará de signo político no goberno municipal o vindeiro sábado, cando se constitúan as novas corporacións municipais. A nacionalista Goretti Sanmartín será a alcaldesa á fronte dun goberno do Bloque (6 edís) no que previsiblemente participará tamén Compostela Aberta (2 edís), mentres que os 6 edís socialistas votarán a súa investidura, pero non gobernarán, cando menos neste inicio do mandato. Sanmartín subliña a "cordialidade e a posta á disposición" de diversos informes por parte do goberno saínte e o alcalde en funcións, Xosé Sánchez Bugallo, asegura desexarlle á vindeira rexedora "a máxima sorte e o máximo acerto". [Imaxe: © Concello de Santiago]
