O Congreso debate este mércores a quinta prórroga do estado de alarma polo coronavirus. Pódese seguir a sesión ao vivo na canle da Cámara Baixa.
Fálase
O BNG negocia co PSOE a quinta prórroga do estado de alarma polo coronavirus e ábrese a votar "si" se o Goberno central contempla aspectos como a mobilidade interprovincial ou "restaurar plenamente" as competencias autonómicas, indica Néstor Rego. Sinala o deputado que polo momento os socialistas se abren a aspectos como permitir a mobilidade entre concellos lindeiros aínda que estean en provincias diferentes, ao xeito de Euskadi, o cal ve insuficiente. Na cuarta prórroga, o Bloque optou pola abstención. Ampliamos a información neste espazo
O CIS volve preguntar "quen preferiría" a cidadanía que presidise o Goberno de España na crise do coronavirus e un 0,6% sinala a Feijóo. No anterior barómetro, fixérao o 1%. A preferencia nesta pregunta, de resposta espontánea, encabézaa Pedro Sánchez seguido de Pablo Casado. O barómetro do CIS volve situar o PSOE como primeira forza en intención de voto nunhas eventuais eleccións xerais, con baixadas de PP e Vox e unha suba de C's.
O Goberno central acorda coas autonomías o uso obrigatorio de máscara en espazos pechados e nos abertos onde non sexa posible manter a distancia de seguridade para evitar contaxios do coronavirus. Concretarase nunha orde ministerial nos vindeiros días
A Xunta proporá aos concellos implantar un sistema de cita previa nas praias mediante unha aplicación informática para "evitar a propagación" do coronavirus. Trataríase dunha acreditación similar á que xa funciona na praia das Catedrais (Augas Santas) de Ribadeo, indican. O Goberno galego cuantifica 960 praias en todo o país.
O Concello da Coruña declara as súas principais praias como "libres de fume" e pedirá ás persoas que acudan a elas "que non fumen nelas". A medida atinxe aos areais con bandeira azul (Riazor, Orzán, Oza, Matadoiro, As Lapas e Santo Amaro) e foi anunciada cadrando coa retirada da duna que actúa como contención para os temporais no inverno. O consistorio coruñés agrega que segue "pendente de que o Goberno central ditamine a normativa que rexerá este verán para utilizar os areais" con restricións polo coronavirus.
Retencións na fronteira de Valença polos controis de mobilidade polo coronavirus. A raia vén reclamando a Madrid e Lisboa que se abran máis pasos que eviten longos desprazamentos aos traballadores transfronteirizos, que agora só poden cruzar desde Galicia a través de Tui ou Verín. [Imaxe: DGT]
Pontevedra, premio Mobilidade Sustentable da Unión Europea. O Concello gañou o galardón de Seguridade Viaria Urbana e o xurado recoñeceuse "impresionado" polas medidas do municipio para reducir e organizar o tráfico. A cidade fixou os 10 km/H como velocidade máxima nas rúas de plataforma única no centro histórico. Ampliamos a información neste espazo
Feijóo convoca un Consello da Xunta extraordinario para fixar a data das eleccións despois de que Urkullu veña de facer o mesmo. O presidente prevé comparecer ás 14.15 horas para dar conta da súa decisión. Este luns o DOG publica o acordo que o habilita para chamar ás urnas malia a alerta sanitaria.
Urkullu convoca un Consello do Goberno vasco extraordinario para as 13:00 e comparecerá en rolda de prensa ás 15:00. É un trámite imprescindible para convocar eleccións para o 12 de xullo. O pasado 10 de febreiro, o lehendakari tamén convocou de urxencia ao seu Goberno para adiantar as eleccións vascas e apenas tres horas despois, Feijóo fixo o mesmo coas galegas.