O Sindicato de Xornalistas Palestinos contabiliza 238 xornalistas e traballadores de medios de comunicación asasinados en Gaza desde outubro de 2023, o pasado domingo un ataque aéreo do exército israelí matou os reporteiros Anas al Sharif, Mohammed Qreiqeh, Ibrahim Zaher, Moamen Aliva, Mohammed Noufal e Mohamed al Khalidi. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia convoca este xoves unha xornada de apoio ao xornalismo palestino baixo o lema #OXornalismoNonÉUnCrime #JournalismIsNotACrime
Nasser Abu Baker, presidente do Sindicato de Xornalistas Palestinos, recolleu o pasado maio en Santiago o Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa e afirmou que "o goberno israelí non quere que ningún de vós vexa a realidade do que pasa alí" e que son os xornalistas palestinos en Gaza "os que están a mostrar o que acontece e, polo tanto, o seu traballo é o que provocou que esteamos aquí reunidos hoxe".
A redacción de Praza explicita o seu apoio aos compañeiros e compañeiras que seguen a informar dende Gaza #OXornalismoNonÉUnCrime
