O Parlamento aproba, co voto a favor do PP e en contra de BNG e PSdeG, o teito de gasto da Xunta para 2023. Será de 12.599 millóns de euros, un 8,2% máis, pero a oposición critica que a suba sexa inferior á inflación.

O Parlamento aproba, co voto a favor do PP e en contra de BNG e PSdeG, o teito de gasto da Xunta para 2023. Será de 12.599 millóns de euros, un 8,2% máis, pero a oposición critica que a suba sexa inferior á inflación.
A visita a Taiwan de Nancy Pelosi, presidenta da Cámara de Representantes dos EUA, dispara a tensión coa China. Neste artigo de Xulio Ríos no Observatorio da Política Chinesa analízase a situación previa e as posibles repercusións. Ata o momento, o Goberno chinés xa anunciou manobras militares na zona e advertiu aos EUA de non profundar nun camiño "perigoso". Na imaxe -compartida nas súas redes sociais-, Pelosi durante a viaxe.
O Ministerio de Transportes levanta a peaxe na AP-9 e na AP-53 aos transportes especiais que non poden empregar os desvíos en Pedrafita tras a caída do viaduto da A-6 e deben dar un rodeo por Ourense. O ministerio detalla que a medida estará vixente para vehículos de máis de 26 metros de lonxitude e tres de ancho que non poden pasar polo centro de Pedrafita mentres non se remata unha obra alternativa prevista para o outono.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asistirá este 7 de agosto á toma de posesión de Gustavo Petro como presidente de Colombia e de Francia Márquez como vicepresidenta do que será o primeiro goberno de esquerda na historia do país. Xunto coa responsable da área internacional do Bloque e futura eurodeputada, Ana Miranda, Pontón reunirase en Colombia con "diferentes entidades e organizacións políticas" e antes visitará Chile, "en plena onda de cambio tras a chegada á presidencia de Gabriel Boric". A intención da viaxe, sinala o BNG, é "ampliar e reforzar as súas relacións internacionais baixo unha perspectiva de colaboración e solidariedade entre os pobos, de progreso, igualdade, liberdade e avance dos dereitos das maiorías sociais". Na imaxe, Pontón nunha rolda de prensa recente.
O Goberno de España concede 3,6 millóns de euros á Confraría da Coruña para compensar a dragaxe da ría do Burgo. A confraría deberá repartir as axudas entre mariscadoras e mariscadores afectados pola paralización temporal da actividade desde o pasado 11 de febreiro e mentres duren os traballos. [Imaxe: CC BY-SA Xunta]
PARO REXISTRADO | As inscricións nas oficinas de emprego descenderon en -1.082 en Galicia durante o mes de xullo (-0,77%, fronte á suba do +0,11% a nivel estatal) e quedan en 139.850, isto é, un 7,95% menos que no mesmo mes de 2021, mentres que o descenso estatal interanual é do -15,59. No mesmo mes, a afiliación media á Seguridade Social aumentou en 9.670 persoas ata chegar ás 1,06 millóns, un avance do 0,92% mensual (a media estatal cae un -0,04%) e 21.921 máis que hai un ano (+2,12% e na media estatal, +3,82%).
Leiro (Ourense) foi o concello coa temperatura máis alta de Galicia este luns ao acadar os 42,7º. A provincia de Ourense concentra as temperaturas máximas neste inicio de agosto, pois en Arnoia chegaron aos 42,3º, en Castrelo de Miño aos 41,1º e en Vilamartín de Valdeorras e na cidade de Ourense os termómetros marcaron ata 40,6º.
A situación de risco importante polas altas temperaturas mantense este martes a partir das 15.00 horas coa alerta laranxa na zona do Miño de Pontevedra e Ourense, así como na comarca de Valdeorras. Meteogalicia tamén mantén a alerta amarela no interior das provincias da Coruña e Pontevedra, no sur e na montaña de Lugo e Ourense. A partir do mércores haberá unha baixada das temperaturas con treboadas no interior do país.
A Xunta terá un límite de gasto de 12.599 millóns de euros para elaborar os Orzamentos de 2023. Son 1.028 millóns máis que o teito de gasto aprobado o pasado ano e 972 por riba do total dos orzamentos iniciais (excluíndo a débeda) deste 2022. O incremento da marxe de gasto vén dado en boa medida pola suba das achegas estatais, ligadas á súa vez á maior recadación vía impostos. Unha vez aprobado o teito de gasto esta mañá no Consello da Xunta -na imaxe-, o seguinte trámite é recibir o visto e prace do Parlamento.
Feijóo descualifica a débeda pública como "pufo" e reclama exencións de ata o 99% no imposto ás eléctricas que ultima o Goberno de España en resposta a unha entrevista con El Mundo. Diversos dirixentes do PSOE evidencian que o endebedamento serve para financiar servizos públicos e retrucan que durante a súa presidencia a débeda da Xunta pasou duns 4.000 millóns de euros a máis de 11.000 [datos completos de débeda da Xunta dende 1995, nesta ligazón]
A alerta de nivel 2 por calor manterase tamén mañá luns na provincia de Pontevedra e ata o martes na de Ourense, con previsións de temperaturas por riba dos 39 graos.