18F | A CRTVG confirma que convida ao seu único debate electoral a PP, BNG, PSdeG, Sumar e Podemos. A corporación pública indica que o criterio para o convite é incluír as forzas con representación parlamentaria (populares, nacionalistas e socialistas) e os grupos que "cumpren cos criterios para ser considerados significativos" segundo a "confirmación da Xunta Electoral". Deste xeito, ao contrario que hai catro anos -cando acudiron Vox e Cs-, non haberá representación de ningunha formación da dereita que non sexa o PP, que ata agora só confirmou a presenza de Alfonso Rueda no debate da CRTVG e non nos ofrecidos por RTVE e a Cadena SER. O debate está programado para o primeiro luns de campaña, o 5 de febreiro, e estará moderado por Marta Darriba e Alejandro López. Na imaxe, debate electoral da CRTVG previo ás eleccións de 2020.
