15 anos de bloqueo da Rede Natura pola Xunta malia as peticións de ampliación de UE e PP

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, nunha visita a unha zona queimada na vaga do pasado verán na que anunciou axudas económicas para a Rede Natura 2000 CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

O 21 de maio celébrase o Día da Rede Natura, cuxa ampliación está parada en Galicia desde 2011 malia que hai agora cinco anos o Parlamento pediu por unanimidade retomala e a UE mantén dous procedementos de infracción

Este 21 de maio é o Día da Rede Natura 2000. Hai cinco anos, apenas tres días antes desta mesma celebración, o 18 de maio de 2021, o Parlamento de Galicia aprobaba por unanimidade, incluído o PP, instar á Xunta "a rematar os traballos para a ampliación e revisión" desa rede de espazos protexidos. 

A iniciativa falaba de "rematar" porque o Goberno galego presentara en 2011 unha proposta de ampliación. Pero suspendeu a súa tramitación e 15 anos despois aínda non a retomou, nin tras a petición do partido que sustenta o Goberno galego, nin malia que a Comisión Europea mantén abertos desde hai anos dous procedementos de infracción porque considera insuficientes tanto os espazos protexidos como as medidas de xestión deses espazos.

Acctual Rede Natura 2000 en Galicia © Xunta

A Rede Natura 2000 foi creada por unha directiva europea de 1992 para protexer os hábitats e especies máis valiosos e representativos da variedade natural do continente. En Galicia abarca o 12% do territorio, fronte ao 27% no conxunto do Estado. No mar, onde a competencia é estatal, o Goberno de España estendeu hai dous anos este tipo de zonas protexidas a todo o litoral galego. Pero en terra a Rede Natura está estancada desde 2011.

A UE considera insuficientes tanto as zonas protexidas como as medidas de protección desas zonas, incluídas "as afectadas polos incendios" do pasado verán, que Adega calculou como o 11% de toda a rede en Galicia

Aquel ano a Xunta presentou unha proposta de ampliación da superficie, pero nunca chegou a rematar a súa tramitación. Durante aquel proceso, entidades ecoloxistas advertiron de que a delimitación dalgúns dos novos espazos protexidos esquivaba expresamente lugares nos que se pretendían instalar proxectos industriais.

Aparcada esa ampliación, en 2014 a Xunta aprobou un Plan Director da Rede Natura xa existente que, como ocorreu con documentos similares doutras comunidades autónomas, a Comisión Europea considerou insuficiente para protexer correctamente a biodiversidade. Ademais, en vez de ampliar os espazos protexidos, a Xunta vén optando por lograr -e publicitar- novas figuras de protección redundantes para lugares xa protexidos. Ao tempo, o Goberno galego critica supostos prexuízos para gandeiros e agricultores dos espazos protexidos pola Rede Natura 2000.

Rede Natura 2000, en azul, e superficie queimada polo lume o pasado verán, en laranxa, nun cálculo realizado por Adega © Adega

Ante esas eivas, a Comisión Europea mantén abertos actualmente dous procedementos de infracción contra España por incumprimentos en varias comunidades autónomas, entre elas Galicia: o procedemento INFR(2015)2003, aberto en 2015 e reforzado en 2020, que esixe "adoptar medidas e obxectivos de conservación detallados e específicos" para cada espazo protexido", e o procedemento INFR(2023)2037, aberto en 2023 e que considera que "o número, o tamaño e o emprazamento" dos lugares, especies e hábitats protexidos "non son suficientes".

A Xunta vén de confirmar que na última década arderon en Rede Natura 120.000 hectáreas de zonas de especial conservación (ZEC), o 32% do total, e 41.000 hectáreas de zonas de especial protección para as aves (ZEPA), o 40,7% do total

Hai uns meses, tras a vaga de incendios do pasado agosto, a Comisión Europea, a preguntas de PSdeG e BNG, confirmaba que Galicia non fixara obxectivos e medidas de conservación suficientes nas zonas xa protexidas, incluídas "as afectadas polos incendios". 

Tras esa vaga, Adega calculou que o lume afectara ao 11% da superficie protexida en toda Galicia baixo a Rede Natura 2000. A Xunta non confirmou esa cifra, pero hai unhas semanas, no plan de incendios para este ano (Pladiga), recolleu que durante a última década resultaron afectadas en Rede Natura 120.000 hectáreas de zonas de especial conservación (ZEC), o 32% do total, e 41.000 hectáreas de zonas de especial protección para as aves (ZEPA), o 40,7% do total. Parte da superficie afectada sería coincidente, porque existen zonas de Rede Natura protexidas polos dous tipos de figuras.

Rede Natura 2000 queimada no Macizo Central ourensán e resposta oficial da Comisión Europea sobre a insuficiente protección da rede © Imaxe: Pedro Armestre - Greenpeace | Montaxe: Praza Pública

Cando en 2011 lanzou o proceso despois paralizado de ampliación dos espazos protexidos a Xunta considerou que era "urxente iniciar os trámites para completar a Rede Natura 2000 galega". Dez anos despois, en 2021, o PP instaba á Xunta a "rematar os traballos para a ampliación e revisión da Rede Natura 2000". Este 21 de maio, nun novo Día da Rede Natura 2000, esta seguirá incompleta en Galicia. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.