A campaña en imaxes: a aperta Pontón-Beiras, o ministro rei mago ou os 'bots' do PP

Aperta entre Pontón e Besteiro, o ministro Óscar Puente cos Reis Magos en Vigo e a secretaria xeral do PPdeG denunciando unha suposta trama dixital CC-BY-SA Praza Pública

No ecuador da campaña repasamos algunhas das imaxes máis significativas desde que Rueda convocou os comicios a finais de decembro

Unha campaña electoral deixa moitas imaxes, sexan informativas ou só anecdóticas. Así que este non pretende ser un repaso exhaustivo a todo o que está a amosar esta carreira cara ao 18F senón un simple recordatorio dalgúns dos momentos máis significativos desde que o presidente Alfonso Rueda convocou ás urnas. Unha decena de fotos e vídeos que ilustran ou serven de exemplo do despregamento informativo que vimos facendo no noso Especial 18F Eleccións galegas.

O ministro como rei mago traendo o AVE

O ministro de Transportes, Óscar Puente, cos Reis Magos a bordo dun tren AVE en Vigo o 5 de xaneiro de 2024 © @oscar_puente_

As eleccións convocounas Rueda a finais de decembro, pero non sería ata despois das principais festas do nadal que os partidos activaron plenamente as súas maquinarias. O 5 de xaneiro o ministro de Transportes, Óscar Puente, desembarcaba en Vigo a bordo dun tren de alta velocidade en probas acompañado dos Reis Magos. A Xunta Electoral Galega acabaría censurando o electoralismo daquel acto.

A crise dos pellets

Manifestación "en defensa do noso mar" en Compostela o 21 de xaneiro CC-BY-NC-SA CIG

Foi tamén arredor do día de Reis cando estourou a crise dos pellets que levaban xa varias semanas chegando ás costas galegas. A xestión da mesma por parte da Xunta motivou unha manifestación o 21 de xaneiro en Santiago que marcaría os primeiros compases da carreira ás urnas.

A aperta Pontón-Beiras

Ana Pontón e Xosé Manuel Beiras tras a sinatura do acordo de BNG e Anova o domingo 14 de xaneiro de 2024 CC-BY-SA Praza Pública

O 14 de xaneiro rexistrouse en Santiago unha das imaxes máis significativas desde que foron convocadas as eleccións, a reconciliación entre a Anova de Beiras e o BNG de Pontón simbolizada na aperta que se deron os dous líderes políticos.

Saúdo entre Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro, no comezo da manifestación de SOS Sanidade Pública, o 4 de febreiro CC-BY-NC-SA Praza.gal

O saúdo Pontón-Besteiro na manifestación pola sanidade

Outro saúdo menos efusivo pero igualmente significativo de cara ás urnas foi o rexistrado o pasado domingo 4 de febreiro noutra das manifestacións que están a marcar esta xeira, a que se convocou en defensa da sanidade pública cunha masiva participación da cidadanía. Alí a candidata do BNG, Ana Pontón, e o do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, amosaron o que podería ser a imaxe da alternativa ao PP na Xunta.

Remate da manifestación de SOS Sanidade Pública, nunha ateigada Praza do Obradoiro CC-BY-NC-SA Ana G. Liste

Feijóo e Rueda como Fraga e Albor

Rueda e Feijóo no mitin da praza de touros de Pontevedra do sábado 3 de febreiro © PPdeG

Fronte ao dúo Pontón-Besteiro, o PP está a potenciar nesta campaña a figura de Feijóo, aínda que é Rueda quen se presenta. Unha caste de reedición da campaña do "Galego coma ti" coa que Fraga axudou a Albor a chegar á presidencia da Xunta nas primeiras eleccións galegas. "Grazas por todo o que fixeches estes anos", díxolle Rueda a Feijóo o 3 de febreiro no mitin da praza de touros de Pontevedra, e o ex-presidente proclamou: "Esta é a nosa obra".

Sánchez con Besteiro, non como González con Laxe

Besteiro e Sánchez en Lugo o 27 de xaneiro CC-BY-SA PSdeG

Campañas do pasado como a de Fraga e Albor tamén se lembran no PSdeG, pero á inversa. Neste caso para salientar que Besteiro si está a ter nestas eleccións o apoio estatal do partido que non tiveron antes outros candidatos, coa gran referencia histórica da campaña de 1989 perdida por Fernando González Laxe fronte a un Fraga do que hai quen di que Felipe González axudou a desembarcar en Galicia. Desta volta a presenza constante de Pedro Sánchez, como nesta imaxe en Lugo o 27 de xaneiro, ou José Luis Rodríguez Zapatero fai ver que Besteiro si conta co apoio de Ferraz.

Os bots do PP

Paula Prado ao denunciar a suposta "trama de manipulación dixital" CC-BY-SA PPdeG

Outra das imaxes que deixou o PP foi a da súa secretaria xeral, Paula Prado, denunciando o 17 de xaneiro unha suposta "trama de manipulación dixital". Fíxoo ante un panel no que foi denunciando supostos perfís falsos ou bots de internet, o que levou a moitos internautas a lembrar precisamente cando as campañas sucias se impulsaban en favor do PP.

Os vídeos

Ademais de fotos, quizais máis informativas, no eido máis anecdótico ou humorístico a campaña está a deixar vídeos de todo tipo. Lonxe quedan xa os vídeos de Nadal dos candidatos, como o de Rueda conducindo un autobús, respondido despois desde o PSdeG por un Besteiro axudando a pasaxeiros aos que deixou tirados unha roda picada. 

No que vai de campaña son os musicais os máis salientables, comezando polo do PP que recupera o clásico Xuntos, de Juan Pardo, cunha actualización que pouco achega a respecto da que fixo hai un par de anos Familia Caamagno. Nesta peza contamos a historia política dese tema: 'Xuntos': Rueda encoméndase a un PPdeG xa inexistente tras a 'expropiación' de Familia Caamagno.

Versión de 'Xuntos', de Juan Pardo, lanzada polo PP para a campaña das eleccións do 18F deste 2024

Pero se nas últimas xornadas houbo un vídeo que chamou a atención foi o lanzado por Gonzalo Pérez Jácome e a súa Democracia Ourensana cunha versión dun coñecido tema de Village People. "Ourense vai decidir", di quen aspira a condicionar a gobernabilidade da Xunta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.