O Supremo tamén anula eólicos ao Estado: o "boicot" do TSXG á Xunta esfarélase

O Supremo vén de anular por falta o parque eólico Moeche, autorizado polo Estado, por non analizarse os seus efectos acumulativos sobre outras infraestruturas CC-BY-SA Praza Pública

O alto tribunal, que xa ratificara anulacións do TSXG de parques da Xunta, invalida agora un de competencia estatal polo principal motivo de queixa dos ecoloxistas, que non se analizou o seu efecto acumulativo con outros xa existentes

A Xunta leva máis de tres anos criticando decisións do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que poñen en cuestión a súa propia xestión do sector eólico en Galicia. A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, chegou a falar hai uns meses de "boicot" e asegurou que "está en risco a separación de poderes". Unha campaña do Goberno galego contra o TSXG que vén de debilitarse esta semana ao coñecerse unha sentenza do Tribunal Supremo que anula o permiso do Goberno de España para o parque eólico Moeche, da súa competencia.

Non só o TSXG anula parques da Xunta senón que o Supremo en ocasións valida esas anulacións e agora anula un parque do Estado. Faino, ademais, atendendo un dos argumentos centrais das organizacións ecoloxistas: que algúns permisos para algúns parques, sexan da Xunta ou do Estado, non analizaron o seu efecto acumulativo ou sinérxico con outros parques xa existentes na mesma zona.

Sentenza do Supremo anulando a autorización do Estado ao parque eólico Moeche porque non se analizaron os seus efectos acumulativos CC-BY-SA Praza.gal

Segundo o Supremo, o parque eólico Moeche, de competencia estatal por ter máis de 50 MW -os de inferior potencia son de competencia autonómica-, foi autorizado polo Goberno de España sen a "oportuna análise dos efectos sinérxicos e acumulativos do proxecto na súa relación e repercusión cos parques e infraestruturas próximas". Dá así o alto tribunal a razón á asociación Petón do Lobo, que xunto con outras organizacións ecoloxistas vén logrando en Galicia a paralización cautelar por parte do TSXG de parques de competencia autonómica por sospeitas de similar falta de estudos correctos dos efectos acumulativos. 

E a propia Xunta recoñece de xeito implícito que os efectos acumulativos ou sinérxicos teñen unha especial relevancia porque ela mesma admite que en diversas zonas de Galicia xa non caben máis aeroxeradores.

Igual que agora anula un parque de competencia estatal, en 2022 o Supremo ratificou a anulación de dous parques de competencia galega por parte do TSXG, a quen a Xunta vén acusando de boicotear o sector eólico galego coas súas decisións

Nada dixo desta volta a Xunta de que a decisión do Supremo en contra do Goberno de España supoña unha aldraxe para o sector eólico galego. Tampouco é a primeira vez que o Supremo anula un eólico en Galicia. Pero outras veces anteriores en que os anulou, fíxoo ratificando sentenzas previas igualmente anulatorias do TSXG. Isto é, de parques mal autorizados pola Xunta. 

En 2022 o Supremo concordou co TSXG en que o parque eólico Sasdónigas, en Mondoñedo, fora autorizado pola Xunta cunha "indebida valoración dos condicionantes ambientais". Entre outras cuestións, o Tribunal Superior de Galicia considerou que a "fragmentación" e "división artificial" do parque que autorizara o Goberno galego evitara que se analizase correctamente o seu impacto sobre a natureza e o patrimonio. Unha fragmentación que agora volve apreciar o Supremo no parque Moeche.

Aquel mesmo 2022 o Supremo tamén ratificara en firme outra sentenza previa do TSXG anulando o parque eólico do Oribio que a Xunta autorizara en 2019. Nese caso o Goberno galego considerou válido o permiso ambiental que o parque obtivera en 2005 malia que xa caducara, polo que o seu permiso non estivo axustado a dereito. 

Mapa do rexistro eólico de Galicia e zonas que a Xunta considera completas de aeroxeradores CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

Polo medio, en 2023 o Supremo si validou os prazos cos que a Xunta tramita os proxectos eólicos, cuestionados previamente polo TSXG. Un aval do alto tribunal que despois ratificaría o Tribunal de Xustiza da UE.

Pero ao tempo o alto tribunal vén avalando diversas paralizacións cautelares do TSXG mentres non se pronuncia sobre a legalidade de cada autorización.

Neste mesmo caso do parque Moeche o Supremo xa establecera, para avalar unha suspensión cautelar como as que vén establecendo o TSXG, que o dano ambiental podía ser irreversible mentres que o dano económico é resarcible

Unhas paralizacións cautelares do TSXG que para a Xunta supoñen unha aldraxe ou "boicot" pero que para o Supremo non son máis que a valoración de intereses contrapostos á espera da análise xurídica do fondo de cada caso particular. Así o deixou claro o alto tribunal precisamente nun paso previo do preito agora resolto definitivamente sobre o parque Moeche. Ante dous recursos de dúas partes distintas pedindo paralizar o parque mentres non se analizaba a súa legalidade, o Supremo rexeitou unha das peticións e aceptou outra. Segundo a súa valoración, unha parte non ofrecera argumentos suficientes e adecuados, e a outra si.

Parque eólico nun monte galego CC-BY-SA Praza Pública

Petón do Lobo esgrimira que iniciar a construción do parque eólico antes de que se analizase o fondo da súa legalidade podía provocar danos ecolóxicos irreversibles. Pola súa banda, unha explotación agropecuaria que se consideraba afectada dicía que o parque podería supoñerlle perdas económicas. Un argumento similar ao que esgrimen, no bando contrario, as empresas que impulsan os parques eólicos, que paralizar o seu inicio mentres se analiza a súa legalidade suponlles perdas económicas. 

O que estableceu o Supremo foi que o dano económico pode ser reparado posteriormente con cartos, pero o dano ecolóxico pode ser irreversible se comezan as obras e despois se considera que estas eran ilegais. Así, o Supremo, en liña co que vén facendo TSXG noutros moitos casos, paralizou cautelarmente o parque Moeche. E agora, tras analizar o fondo, o mesmo Supremo conclúe que o permiso que lle dera o Estado fora ilegal, co que resulta avalada a precaución tomada coa medida cautelar. 

Non foi o que pasou cos parques eólicos Oribio ou Sasdónigas, coas obras comezadas no primeiro caso e mesmo rematadas no segundo cando chegaron as sentenzas definitivas. Naqueles casos, como neste de Moeche, non houbera aldraxe da xustiza ao sector eólico galego. A aldraxe fora ao territorio e xa se materializara cando a xustiza se pronunciou de xeito definitivo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.