Alá van as festas! Este 7 de xaneiro é un martes con cara de luns. O día no que, como norma xeral, a vida cotiá regresa sen que no horizonte próximo haxa algunha celebración que preparar ou á que unirse -ou que esquivar, segundo o caso- con magnitude dabondo como para enlentecer o ritmo diario. É posible que entre o Nadal e o Día de Reis, pasando por Noitevella e Aninovo, optases por desconectares un chisco da actualidade -comprensible sempre, máis aínda en plenas festas-. O certo é que seguiron sucedendo cousas e en Praza.gal abordamos algúns temas que chegan máis que vivos ao inicio real de 2025. Velaquí unha escolma para, como nos gusta, recuperárelos alén da última hora permanente, para ler e ollar con pausa. Bo inicio de ano!
Eleccións e un futuro que preocupa e esperanza: un retrato informativo do 2024 que marcha
Sobre a base das informacións máis vistas e lidas en Praza.gal durante os últimos doce meses trazamos un resumo do ano que remata
Radiografía da Galicia que naceu no estranxeiro: unha poboación nova, crecente e esparexida polo país
Os galegos e galegas que naceron fóra do Estado español xa suman máis de 300 mil persoas. O seu peso é maior entre as xeracións novas (un terzo da poboación da Coruña entre 25 e 34 anos naceu no estranxeiro) e nas áreas urbanas, sobre todo en determinados barrios, pero a súa presenza esténdese por todo o territorio. Analizamos os países de orixe máis habituais en cada concello da poboación nacida fóra.
As persoas a agardar por unha consulta de Psiquiatría no Sergas aumentan un 22% nun ano
11.108 persoas están á espera, dúas mil máis que un ano antes. En Lugo, a cifra case se duplica en doce meses e en Ourense aumenta case un 30%. Vigo (+17%), Ferrol (+12%) e Santiago (+7%) completan un escenario de subas. En relación ao 2022, o incremento é do 37%. O Colexio de Psicoloxía leva tempo alertando da falta de persoal e o aumento das esperas, que supoñen "un risco de empeoramento e cronificación" das doenzas.
Unha de cada catro familias nas cidades galegas vive de alugueiro e paga un 28% máis que hai cinco anos
Segundo a Enquisa Estrutural a Fogares do IGE, cada vez máis xente paga un alugueiro pola súa vivenda principal e os prezos son cada vez maiores. A situación afecta de forma máis grave ás zonas urbanas, pero tamén nos concellos menos poboados o encarecemento entre o 2019 e o 2023 superou o 20%.
Os nomes da Xunta para renovar o plan lingüístico apenas cumprido tras vinte anos
Xoaquín Monteagudo, Concha Losada, Armando Requeixo e Edita de Lorenzo están entre os responsables das comisións de traballo para "actualizar" o Plan xeral de normalización da lingua galega, que vai coordinar de novo o profesor e académico Manuel González. O equipo recolle o testemuño do que traballou no proxecto aprobado por unanimidade en 2004, que tivo que comezar a aplicar o Goberno de coalición PSdeG-BNG e do que o PP se desmarcou alegando "imposición" para despois reducilo a "remuíño de ideas" ao retornar á Xunta
Un pacto por máis galego 18 anos despois de inocular que xa abondaba
Como líder da oposición Feijóo elevou a "conflito lingüístico sen precedentes" a aplicación dun mínimo do 50% da docencia en galego, o mesmo que estipulara o unánime Plan Xeral de Normalización que o actual Goberno da Xunta se propón renovar. Durante anos o PP inoculou por primeira vez na historia da autonomía a mensaxe de que a normalización da lingua galega fora demasiado lonxe mediante un espantallo, o da "imposición", que callou socialmente, especialmente na xente moza. Invertelo semella a tarefa máis urxente das persoas elixidas para redactar o novo plan
Nova vida en parcelas incautadas a Marcial Dorado na Illa: vivenda pública, parque e pavillón deportivo
O Concello da Illa de Arousa confirma a compra de dous terreos incautados ao narco tras lograr que o Plan Nacional sobre Drogas os excluíse dunha poxa. "Marcial Dorado é un coñecido narcotraficante e no seu día tivo algún compañeiro de viaxes que logo chegou a presidente da Xunta e o que fixo en 14 anos foi unha folga de brazos caídos en políticas de vivenda pública", subliña o subdelegado do Goberno de España en Pontevedra
A Xunta suma 10 novos coches oficiais diésel e gasolina e afonda no freo da transición a híbridos e eléctricos
Tras formalizar o pasado novembro a compra de tres novos coches diésel e un gasolina, Presidencia inicia os trámites para mercar outros seis automóbiles de combustión. Tanto os cinco novos diésel coma o de gasolina serán berlinas do segmento D con tracción ás catro rodas e alta potencia. A consellería reserva para ambas operacións case 300.000 euros que, sumados ao importe da anterior compra, elevan o total ata preto do medio millón
300 cruceiros ao ano en pleno debate sobre contaminación e masificación turística
As cifras deste tipo de turismo disparáronse tras a pandemia e A Coruña consolidou a súa posición dominante sobre Vigo, invertendo a situación oposta que se rexistraba ata hai unha década
Corpos ocultos "para tapar a magnitude dos crimes": a tese gaña forza nas fosas galegas dos golpistas
O Plan Cuadrienal de Memoria Democrática permitiu, por primeira vez, intervir en fosas comúns de vítimas dos golpistas con aval e financiamento público. A historiadora Conchi López, membro do equipo de Histagra que interveu nas fosas, explica que os traballos acrecentan "os indicios" de que os cadáveres "foron ocultados á mantenta" e ratifica que "queda moito por facer" nun contexto no que a Xunta se limita a transferir os fondos que envía o Estado, pero evita aparecer 'na foto' da memoria histórica
A Xunta gasta 8.000 euros nunha reportaxe pagada para culpar a PSOE e BNG da suba do recibo do lixo
A conselleira de Medio Ambiente afonda na súa axenda política encargando un texto xa non de propaganda da actividade propia senón de crítica a "Moncloa" polo "basurazo de Sánchez" e o seu efecto "no peto dos españois"
A obra inédita de Luísa Villalta que peta na nosa conciencia
A editorial Galaxia publica o Teatro completo de Luísa Villalta, coa edición de Henrique Rabuñal; a Poesía inédita e dispersa ao coidado de Pilar Pallarés e Miguel Mato; e a Narrativa inédita e dispersa, baixo a edición de Daniel Chapela. Tres volumes que van incentivar o estudo da obra de Villalta máis alá dos marcos da homenaxe da Real Academia Galega, coa que as súas poesías, novelas, pezas teatrais, músicas ou ensaios están a chegar a novos públicos tan frescas como o primeiro día
Festivais de música como agasallo polo Nadal: a anticipación do ocio chegou para quedar
A "vivencia colectiva da música" vén do principio dos tempos e coa forma dos festivais de música ocupa as principais datas de vacacións e ocio do ano. Analizamos con festivais galegos como o Fa Ce La Fest de Lugo, o SonRías Baixas de Bueu, o Osa do Mar de Burela e o FIV de Vilalba a anticipación na venda de abonos, convertidos en agasallos de Nadal
Alianza galego-chinesa para estudar os ancestros dos buracos negros
Un equipo de investigadores do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías e a Universidade Chinesa de Hong Kong vén de publicar en The Astrophysical Journal un artigo no que se propón un novo método para reconstruír a 'árbore xenealóxica' dos buracos negros
O TSXG avala multar funerarias que impediron usar un tanatorio a outras competidoras
A xustiza ratifica unha sanción de Competencia de 83.000 euros polas restricións para empregar o único tanatorio de Poio e lembra que levaron a unha familia a cambiar de empresa se quería facer o velorio onde desexaba