Eleccións e un futuro que preocupa e esperanza: un retrato informativo do 2024 que marcha

Retallos dalgunhas das informacións máis lidas en 2024 en Praza.gal CC-BY-NC-SA Praza.gal

Si, este é outro deses resumos do ano. Si, van quedar cousas fóra. Por suposto, está marcado pola liña editorial do xornal que o publica e, en última instancia, por nesgos da persoa que o asina. Non, non é completamente frío e obxectivo aínda que o principal criterio que empregamos para construílo é o das informacións máis vistas e lidas -que é semellante, pero non é o mesmo- en Praza.gal durante os últimos doce meses.

Sobre a base das informacións máis vistas e lidas en Praza.gal durante os últimos doce meses trazamos un resumo do ano que remata

Con todo isto por diante, velaí imos. O 2024 principiou, informativa e politicamente, con Galicia mergullada na precampaña das eleccións que Alfonso Rueda fixara para o 18 de febreiro. E o 18 de febreiro foi, precisamente, o día con máis tráfico nas nosas páxinas de todo o ano. O noso especial electoral e o seguimento ao vivo da cita coas urnas concentraron a atención no día en que o PP bateu o seu propio récord de poder ao lograr a quinta maioría absoluta consecutiva e o BNG rachou o seu propio rexistro cuns inéditos 25 escanos con Ana Pontón á fronte despois da que, posiblemente, foi a mellor campaña electoral da súa historia, pero obviamente non tan efectiva como para lograr gobernar.

Alfonso Rueda, Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro, tras coñeceren os resultados do 18F CC-BY-NC-SA PP | BNG | PSdeG

Os números do resultado non deixaron lugar a dúbidas, pero por tras das grandes cifras houbo matices diversos nos que quixemos afondar e que interesaron moito á nosa audiencia. Afondamos neles en informacións baseadas en datos como que na Galicia máis moza a fenda entre PP e BNG minguou a 6 puntos e nas zonas máis ricas subiu ata 20, pezas pausadas que nos revelaron, por exemplo, que o PP se fixo forte en Pontevedra, mentres o BNG medrou nas áreas metropolitanas e o PSdeG só resistiu en Lugo. Alén das cifras, as lectoras e lectores de Praza.gal tamén tiveron especial interese por coñecer dende dentro como fora campaña do PP ou por achegarse a Navia e Novo Mesoiro, os barrios de Vigo e da Coruña que son os máis mozos de Galicia e tamén os que máis apoiaron ao Bloque aquel 18F.

O ano político estivo marcado polo resultado das eleccións dos récords de poder do PP e de representación do BNG. Aquel 18F foi o día de maior tráfico nas nosas páxinas, nas que a situación da sanidade pública volveu ter especial protagonismo

Os días previos á votación foron tamén un reflexo político e informativo dun país no que a situación da sanidade pública destaca entre as preocupacións cidadás. Así, por exemplo, noutra das informacións máis lidas do ano contabamos como, a doce horas da fin da campaña, a Xunta enviou milleiros de mensaxes SMS a persoal sanitario anunciando melloras salariais. Pouco antes, coñeciamos que o Sergas estaba a axilizar operacións e probas antes da campaña mesmo penalizando pacientes en lista de espera que preferían ser intervidos directamente na sanidade pública.

Alén da campaña, pero con obvio pouso político, o perfil informativo de 2024 en Praza.gal tamén o marcaron, cando menos a xuízo do interese das persoas que nos ledes, outras noticias ligadas á sanidade pública. Foi o caso dos catro millóns de euros previstos para centros de saúde que acabaron pagando facturas da concesionaria do hospital de Vigo ou as sancións para o persoal médico con máis lista de espera nos centros de saúde. Das alertas do persoal de enfermaría de Ourense ou dos partos que asume a sanidade pública porque a privada considera que xa non lle son rendibles.

Manifestación contra Altri o pasado xuño ante a sede central da Xunta CC-BY-NC-SA Praza.gal

De política, no sentido máis amplo do termo, fala tamén outro dos grandes asuntos do ano: a posibilidade de implantación en Palas de Rei dunha factoría de celulosa promovida pola empresa portuguesa Altri da man da galega Greenalia con apoio da Xunta. Cando Altri comezou a amosar as súas cartas para tramitar os permisos ambientais aínda pendentes soubemos noutras das novas máis lidas de 2024 que escolleu usar auga do Ulla e non do Miño por ser competencia estatal e os permisos, "máis difíciles" ou que a fábrica prevé consumir tanta auga como Ence e o 20% do eucalipto que se corta en Galicia. Os argumentos da propia empresa, como que Galicia é a "única rexión de Europa" na que se produce eucalipto "en exceso" tamén captaron gran atención.

O conflito de Altri ten moito que ver con como habitamos o territorio, un fío temático que xungue moitas das informacións que a nosa audiencia leu máis durante 2024

O conflito de Altri ten moito que ver con como habitamos o territorio. Ese fío temático xungue tamén outras das informacións que a nosa audiencia máis leu en 2024, caso do informe manexado pola Xunta sobre sete posibles fusións de concellos que adiantamos en exclusiva

De como vivir aquí trataron tamén dúas das reportaxes máis seguidas do ano: a que nos levou devagar un día pola vida cotiá de Navia de Suarna e a súa veciñanza e a que nos permitiu entrar na illa viguesa de Toralla coas persoas que procuran a súa reconquista para o público, pero tamén con quen se atrincheira na súa propiedade, supostamente para evitar ocupacións ilegais.  E, por suposto, sobre como tentar ter un lugar onde vivir fala o noso espazo sobre dereito á vivenda, cuxas informacións destacan tamén entre as máis seguidas.

Navia de Suarna e Toralla (Vigo), lugares aos que nos achegaron dúas das reportaxes máis lidas de 2024 en Praza.gal CC-BY-NC-SA Ana G. Liste | Vanesa Vázquez

Retratar a vida é tamén retratar o traballo. E durante este ano tamén queda entre o máis lido algúns exemplos do que non debe suceder ás persoas traballadoras, como casos de acoso laboral tanto no ámbito público como no privado, sentenciados pola Xustiza ou de relevantes empresas que incumpriron, segundo os tribunais, condicións elementais como as referidas á duración da xornada do seu persoal.

Retratar a vida é tamén retratar o traballo. O país, o territorio, a xente que vive nel e os idiomas nos que fala: sobre o galego tivemos malas novas nestes meses a través dos datos do IGE

O país é o territorio, a xente que vive nel e os idiomas nos que fala. E de idiomas van varias das informacións que marcaron o 2024 en Praza.gal cuantitativa e cualitativamente. Os datos do IGE que constataron que o castelán xa é o idioma predominante en Galicia tiveron un forte impacto informativo, político e social. Ese amplo estudo díxonos que o uso do galego retrocede en todo o país, sobre todo nas áreas urbanas e con el sobre a mesa a Real Academia Galega alertou de que o galego está preto do "limiar do colapso" ao ter menos de 35.000 falantes entre 5 e 14 anos. De datos coma eses falou tamén o protagonista dunha das informacións máis lidas, Daniel Chapela, quen ao dimitir como coordinador de cultura do PPdeG subliñou as súas discrepancias coa dirixencia en materia lingüística e lamentou a perda de pouso galeguista no partido.

O audiovisual é un dos terreos nos que se xoga o futuro do idioma e é tamén un ámbito que destaca entre o máis lido do ano en Praza.gal. Para lembrar o trixésimo aniversario do Xabarín Club da Televisión de Galicia da man do seu director, Suso Iglesias, pero tamén para dar conta dos conflitos, protestas e procesos xudiciais que seguen arrodeando os medios públicos de comunicación ou para falar de quen crea e conta aproveitando as novas plataformas, coma o equipo de Non saímos do lixo, cunha nova vida grazas ás redes sociais.

De audiovisual tamén nos falaron algunhas das pezas que máis visitas recibiron no ano, como a que nos descubriu o traballo de Cruz Risco, a pioneira do cine galego da que non sabiamos nada. Ou como a entrevista na que tivemos a oportunidade de falar devagar con Eva Veiga, premio de honra Fernando Rey nos Mestre Mateo deste 2024: "O inicio da TVG foi un momento histórico para o país, foi a primeira vez que Galicia se miraba a si mesma", evocou.

Alén das noticias máis vistas a nosa redacción tamén dedicou esforzos a esoutros asuntos que non xeran milleiros de clicks, pero que consideramos clave contar; dende a loita contra a violencia machista a todas as vertentes do accidente de Angrois, do que este ano coñecemos a primeira sentenza

Alén das informacións máis vistas, as que lograron máis seguimento ou máis se compartiron nas redes sociais, durante 2024 a nosa redacción tamén dedicou esforzos ao seguimento doutros asuntos que non dan lugar a centos nin milleiros de clicks. Pero cuxa relevancia consideramos fóra de toda dúbida e a importancia de contalas, esencial.

É o caso, por exemplo, do seguimento da loita contra a violencia machista nas súas múltiples formas ou da preservación e dignificación da memoria das vítimas da ditadura. Tamén dun dos temas co que sentimos maior compromiso editorial, todas as vertentes xudiciais, políticas e técnicas do accidente de Angrois, sinistro do que este ano coñecemos a súa primeira sentenza xudicial, un ditame que condenou sen paliativos a verdade oficial sobre o descarrilamento, aquela que o limitou a un descoido do maquinista, esa mesma versión de Estado para cuxo sostemento o Goberno de España da época, como revelou Praza.gal en exclusiva, manobrou ao máis alto nivel mesmo mobilizando dous ministros e chegando a tocar a quen era presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker.

Jesús Domínguez, presidente da Plataforma Víctimas Alvia 04155, en entrevista con Praza.gal tras a publicación da primeira sentenza sobre o accidente

E ata aquí o noso retrato informativo do 2024 que remata. Todas e cada unha destas informacións foron posibles grazas ás socias e socios de Praza.gal e tamén grazas ás empresas e institucións que elixen o noso xornal como soporte para a súa publicidade. En 2025 queremos seguir contando o mellor posible a Galicia que vén en Praza.gal e VINTE. Será máis doado convosco.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.