-
Co escrutinio por riba do 70%, o PP aséntase na maioría absoluta con 40 escanos. O BNG medra 5 escanos, ata os 24, e o PSdeG segue perdendo 4 para ficar en 10. DO segue cun representante.
-
O escrutinio do 18F supera o 50%. O PP segue marchando en cabeza cos mesmos 42 escanos que hai catro anos. O BNG gañaría arestora 3 escanos (22) e o PSdeG segue perdendo 4 (10). DO segue cun escano.
-
O reconto supera o 40% e o PP segue en 42 escanos. O BNG ten arestora 22 (+3), o PSdeG 10 (-4) e DO segue dentro do novo Parlamento cun representante.
-
Co 23% escrutado o PP sitúase nos 42 escanos que logrou en 2020. O BNG gañaría 3 e estaría en 22, o PSdeG perdería 4 para quedar en 10 e Democracia Ourensana entraría cun escano.
-
O escrutinio deste 18F supera o 15%, pero aínda en porcentaxes moi baixas nas principais cidades. O PP continúa en cabeza cunha ampla maioría absoluta, con clara tendencia á alza do BNG e á baixa do PSdeG.
-
O escrutinio xa está en marcha, aínda que polo momento en niveis moi baixos. A piques de chegar ao 10%, o PP marcha en cabeza con maioría absoluta seguido polo BNG.
-
Podes consultar neste gráfico os datos das tres enquisas publicadas por GAD3, Sondaxe e SigmaDos, moi semellantes entre si. O PP móvese entre 38 e 40 escanos, o BNG entre 24 e 26, o PSdeG entre 9 e 12 e DO entre 0 e 1
-
SigmaDos: mesmo escenario de maioría do PP e suba do BNG
Tamén a enquisa de SigmaDos publicada por El Mundo amosa un escenario semellante. O PP (38-40) mantería a maioría absoluta a pesar do ascenso do BNG (24-25), que concentra o voto progresista ante o descenso do PSdeG (10-12). Democracia Ourensana podería entrar na cámara (0-1)
-
39 para o PP e suba do BNG tamén na enquisa de Sondaxe
Na enquisa de Sondaxe que publica La Voz de Galicia o PP acada tamén 39 escanos (-3), fronte aos 25 do BNG (+6) e os 11 do PSdeG (-3). Democracia Ourensana podería estar preto de acadar un escanos, mentres que Sumar e VOX fican moi lonxe.
-
Maioría absoluta do PP nas enquisas
O PP mantería a maioría absoluta con 39 ou 40 escanos (na actualidade ten 42), fronte a unha forte suba do BNG (25-26 dende os 19 actuais), segundo os datos da enquisa de GAD3 para FORTA e RTVE. O PSdeG descende de maneira importante ata o 9-10 escanos (ten 14). Democracia Ourensana podería entrar no Parlamento (0-1), mentres que Sumar queda fóra.
-
En dez minutos pechan os colexios electorais tras once horas abertos. O escrutinio comeza de inmediato, pero o voto da emigración non comezará a contarse ata o 26 de febreiro.
-
A participación medra máis de seis puntos ata as 17 horas, con grandes aumentos na cidade de Ourense e en Ribeira
Os concellos que no 2020 votaron máis ao PP son os que están a rexistrar un maior aumento da participación. Pola contra, advírtese unha desmobilización nas localidades onde PSdeG e Galicia en Común acadaron maior apoio
-
A participación ata as 17 horas achégase ao 50% e aumenta considerablemente tanto a respecto de 2020 como de 2016, situándose en niveis de 2009. Son seis puntos máis que nos tres últimos comicios galegos. No gráfico que acompaña estas liñas lembra pulsar a pestana da hora correspondente ao dato que queres consultar.
-
A participación do voto emigrante (CERA) foi do 6,15%, "unhas 29.300 papeletas", segundo o director xeral de Interior da Xunta, Santiago Villanueva. A porcentaxe é lixeiramente inferior á das eleccións xerais do pasado xullo, as primeiras sen voto rogado.
-
Sumar denuncia unha agresión a un apoderado seu por parte dunha apoderada do PP nunha mesa electoral de Balaídos, en Vigo.
-
A participación ata as 12 horas preséntase elevada, semellante á das eleccións de 2020 celebradas no verán, o que adoita favorecer unha maior afluencia ás urnas nas primeiras horas. É a máis alta dende 2005 e supera en dous puntos a de 2016.
-
O candidato popular, Alfonso Rueda, votou en Pontevedra no Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Salientou a "normalidade" da xornada electoral e que "os galegos e as galegas serán os que teñan que decidir".
-
O candidato socialista, José Ramón Gómez Besteiro, votou en Lugo no CEIP Rosalía de Castro contra as 11.30 horas. Animou á participación nun "día histórico para Galicia".
-
O Parlamento que saia destas eleccións constituirase o 18 de marzo e se hai Goberno non volverá a haber eleccións cando menos nun ano. Tras o escrutinio provisional deste domingo dos votos en urna e por correo será o luns 26 cando as xuntas electorais realicen o escrutinio xeral incluíndo o voto da emigración, que podería mudar escanos, como xa pasou no pasado.
-
As principais incidencias na constitución das mesas rexistráronse en dous colexios de Vigo, nun porque non se daba aberto a porta do local e noutro porque faltaban membros dunha mesa. Tamén houbo atrasos menores en Culleredo, Ponteareas e Boqueixón.
-
A candidata do BNG, Ana Pontón, foi das primeiras en votar, contra as 9.30, na mesa electoral situada no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en Santiago. "Hoxe Galicia pode facer historia", dixo, e animou a que haxa "unha participación masiva".
-
Neste gráfico podes consultar a porcentaxe de voto acadada en cada concello en anteriores comicios polas principais forzas políticas, aquelas aquelas que, a nivel galego, obtiveron máis do 0,5% dos votos.
-
Nas eleccións galegas a vantaxe da esquerda nas cidades vén sendo insuficiente na maioría das convocatorias para compensar o dominio conservador no rural. Os triunfos sucesivos da dereita nas eleccións ao Parlamento Galego contrastan co dominio alterno que, en cambio, se veu producindo nas eleccións xerais, nas que na última década, ademais, se afianzou a preponderancia da esquerda en Galicia.
-
No voto por correo, as solicitudes foron menos que en 2020, coa pandemia, pero medraron un 36% en relación a 2016. Pontevedra é onde menos caeu o voto por correo a respecto de 2020 e Lugo encabeza a suba sobre 2016.
-
O censo de residentes ausentes aumentou un 3% desde as eleccións de 2020 para estes primeiros comicios galegos sen voto rogado desde 2009.
-
Nestas eleccións están chamadas a votar 2.693.624 persoas, das que 2.217.110 residen en Galicia e 476.514 no estranxeiro. O electorado menor de 35 anos é a metade que nas galegas de 2001.
-
Ás 9.10 da mañá estaban constituídas o 98,96% das mesas electorais, 3.910 de 3.951. Quen non se presentase tras recibir unha citación para formar parte dunha mesa electoral enfróntase a un posible delito electoral. [Condenas por non ir á mesa electoral: admitir o delito rebaixa a multa e estar drogado ou ser mileurista non a evita]
-
Os colexios electorais veñen de abrir ás 9 da mañá e así permanecerán ata as 20 horas. 11 formacións compiten polos 75 escanos do Parlamento, que á súa vez elixe a persoa que ocupará a Presidencia da Xunta. Esta foi a distribución de forzas na Cámara galega en todas as eleccións celebradas ata agora.
- Política Ao vivo
18F | O PP marcha en cabeza cunha cómoda absoluta no inicio do escrutinio malia á suba do BNG
Hemeroteca
-
O censo exterior engade máis incerteza no 18F nas primeiras eleccións galegas sen voto rogado dende 2009
-
Pontevedra é onde menos cae o voto por correo a respecto de 2020 e Lugo encabeza a suba en relación a 2016
-
Carretando | A abstención vai por barrios: a veciñanza das cidades galegas que pode valer un goberno
-
Das catro eleccións ao voto exterior: claves do 18F ás que ollar durante o 'silencio' das enquisas
-
A campaña inesperada dá paso ás eleccións máis incertas entre ilusións e temores