O Consello de Ministros ratifica este martes a suba do Salario Mínimo Interprofesional ata 1.184 euros mensuais con efectos retroactivos dende o pasado 1 de xaneiro, en liña co pactado polo Ministerio de Traballo cos sindicatos CCOO e UGT fronte ao rexeitamento da patronal CEOE. O incremento do SMI dende a fin do Goberno do PP de Rajoy en 2018 chega así ao 60,9%. De agora en diante, confirma o Ministerio de Facenda, o salario mínimo estará suxeito ao imposto sobre a renda, isto é, quen o perciba terá a obriga de facer a declaración o IRPF, se ben o groso da poboación que cobre o SMI seguirá sen ter que pagar por el.
Fálase
Rueda amosa a "inquedanza" da Xunta ante o anuncio de Trump de aranceis ao aluminio de "todo o mundo". O presidente salienta a "importancia das exportacións da potente industria do aluminio que existe en Galicia" e espera "que ao final todo isto non sexa o que se aventura".
"Respaldo todo o que Fraga fixo por Galicia", responde Rueda á pregunta sobre se reivindica a traxectoria "completa" de Manuel Fraga. O presidente foi cuestionado sobre a retirada en Cariño do nome dunha rúa dedicada a Fraga como dirixente da ditadura. Segundo Rueda, que considera "inxusta" a abstención do PP local, Fraga "forma parte da historia de Galicia, cos seus fallos, todas as persoas os teñen, pero a parte positiva é inmensa".
Palestra sobre 'Mulleres, violencia e igualdade nas artes' e monólogo de Pamela Palenciano, este venres, en Chantada. Da man da asociación Polamiúda, a recoñecida comunicadora feminista representará o día 14 de febrero ‘No solo duelen los golpes’ para os IES de Chantada e Monforte pola mañá e pola tarde participará nunha palestra aberta ao público ás 20.00 h no Auditorio de Chantada.
O Ministerio de Traballo e os sindicatos CCOO e UGT asinan o acordo para a suba do SMI ata os 1.184 euros mensuais. O incremento do salario mínimo do 4,4% foi pactado hai dúas semanas na mesa do diálogo social sen a achega da patronal, que se mantivo fóra do pacto.
Trump anuncia aranceis do 25% ao aluminio de "todo o mundo" en plena incerteza na Mariña polo futuro da factoría de Alcoa e pouco despois de que a compañía estadounidense asinase cos gobernos galego e español un acordo presentado como vía para manter a produción.
Protesta contra o “espolio da nosa terra” do novo Plan Eólico. Val do Dubra, Cartelle, Pontevedra, Marín, Lugo, Sarria, Ortigueira, Mazaricos e Campo Lameiro rexistraron manifestacións simultáneas este domingo contra o novo Plan Eólico da Xunta. A través do manifesto “Non ao espolio da nosa terra”, a Coordinadora Eólica Así Non cualifica o novo plan eólico de Rueda como unha fraude que exclúe das mesas de diálogo ás poboacións afectadas e ás organizacións sociais e ecoloxistas críticas.
[Foto: Coordinadora Eólica Así Non. Val do Dubra]
Premio Goya para a curta de animación Cafunè, coa dirección galega de Carlos F. de Vigo e Lorena Ares. 'Cafunè', dos cineastas vigueses Lorena Ares e Carlos Fernández de Vigo, fíxose co Goya á mellor curtametraxe de animación na gala dos premios celebrada este sábado en Granada. Nesta edición tamén estaban nomeados Lucía Veiga e Luís Tosar como intérpretes e Chelo Loureiro e Carlos Amoedo na produción, que finalmente non acadaron o galardón.
O PP de Cariño pide perdón “polo erro cometido” e Rueda defende que Fraga merece todo o cariño e recoñecemento. A alcaldesa de Cariño, Ana María López, asegurou este sábado que o seu grupo (PP) “é plenamente consciente da figura transcendental que don Manuel Fraga supón para a historia de noso partido, para o pasado e para o presente actual de Galicia e para a política en xeral” e pediu perdón a través dun audio. Tamén o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, aproveitou un acto en Ourense para ensalzar a figura de Fraga, que “merece todo o cariño e recoñecemento”. O PP de Cariño abstívose nun acordo para cambiar o nome de Fraga dunha rúa o pasado xoves.
[Imaxe: rúa Manuel Fraga en Cariño. Google Maps]
O PSdeG denuncia o aumento das agresións a profesionais sanitarios e esíxelle á Xunta máis seguridade. Elena Espinosa advertiu de que “a saturación e o colapso” en servizos como a atención primaria e as urxencias poñen “ao límite” aos profesionais e levan aos pacientes a situacións de frustración e verdadeira desesperación.
[Imaxe: Concentración do persoal do CHUAC no acceso a Urxencias do hospital © SATSE]