Falece aos 84 anos o historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández, segundo confirma a Fundación Rosalía de Castro, da que era padroeiro. Barreiro foi presidente da Real Academia Galega entre 2001 e 2009.

Falece aos 84 anos o historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández, segundo confirma a Fundación Rosalía de Castro, da que era padroeiro. Barreiro foi presidente da Real Academia Galega entre 2001 e 2009.
A Xunta reduce a tres os concellos no nivel máximo de restricións dende o vindeiro venres: Vilardevós, Paradela e Maside. Sete localidades situaranse no nivel alto: Sobrado, Soutomaior, Boborás, A Mezquita, Pontecesures, Neda e Arteixo. O resto de Galicia estará no nivel medio. Este mércores pola mañá o Goberno galego informará doutras medidas adoptadas no Comité Clínico e que estarán en vigor durante a ponte de San Xosé.
BNG e PSdeG preguntarán a Feijóo pola 'caixa B' do PP na vindeira sesión de control do Parlamento. Ambas formacións ratifican que o ven preciso tras declarar Luis Bárcenas na Audiencia Nacional que o PP galego xestionou doazóns ilegais en anos nos que o actual presidente da Xunta xa lideraba o partido en Galicia.
A Audiencia da Coruña ordena investigar por detención ilegal aos dous policías que arrestaron o capitán do Deportivo, Álex Bergantiños, acusado de corrupción polo partido co Fuenlabrada, feitos que resultaron arquivados . Os xuíces din que “nada avalaba o prognóstico” de que Bergantiños non comparecería ao ser chamado a dependencias policiais e “de ningún xeito existía risco de fuga”.
O Ateneo de Santiago entrega o Premio Alfredo Vicenti de Xornalismo Cívico a Adela Bértolo Lueiro polo artigo #UNSEGREDOAVOCES. A loita feminista do alumnado da ESADg continúa na rede, publicado en Vinte. No acto, celebrado este luns, tamén entregou os accésits do galardón a David Reinero pola serie de reportaxes O que custou o AVE a piques de rematar, publicada en Praza.gal, e a Marta Otero Mayán pola reportaxe Menores migrantes, ayer y hoy, publicada en La Opinión de A Coruña. Na anterior edición do premio, a de 2019, a gañadora fora Montse Dopico por outra reportaxe publicada en Praza.gal.
O antigo párroco de Seixalbo (Ourense) acepta unha condena de 40 días de traballos en beneficio da comunidade por enviar "671 mensaxes de WhatsApp con contido sexual" a un menor en 2019. Segundo avanza o TSXG, o crego "recoñeceu os feitos" e chegou a un acordo sobre a condena por acoso coa Fiscalía e a acusación particular, polo que non chegou a celebrarse o xuízo que estaba previsto para hoxe. Antes do xuízo xa pagara unha indemnización e pasa a ter prohibido comunicarse ou achegarse á vítima durante dous anos.
Pablo Iglesias abandonará o Goberno de España para ser candidato á presidencia da Comunidad de Madrid e propón que a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, o substitúa como vicepresidenta, segundo adiantou La Vanguardia e confirmou pouco despois o ata agora secretario xeral de Podemos e vicepresidente segundo do Executivo que encabeza Pedro Sánchez.
As residencias DomusVi cobran comisións dun grupo funerario se as familias de residentes que falecen nos seus centros o contratan, segundo revela Infolibre
A xustiza valida a convocatoria de eleccións de Díaz Ayuso en Madrid. O Tribunal Superior de Justicia de Madrid (TSJM) rexeita as medidas cautelarísimas solicitadas pola Mesa da Deputación Permanente da Asemblea de Madrid.
A Xunta presenta un recurso á sentenza do Pazo de Meirás ao considerar "acreditado" que a posesión do inmoble por parte da familia Franco "foi de mala fe". O Goberno autonómico únese así aos recursos presentados polo Concello de Sada, a Deputación da Coruña o o Estado.