Este sábado péchase en Vigo o Congreso esLibre, un dos eventos tecnololóxicos e sobre cultura libre de maior relevancia estatal e internacional, que durante dous días xuntou na cidade olívica ducias de entidades e persoas expertas nos eidos do software e hardware libre. GALPon e AGASOL, actuaron como comunidades anfitrioas.
Fálase
O Tribunal Supremo dos Estados Unidos establece que o aborto non é un dereito constitucional e deixa a súa regulación en mans de cada estado. Aquí o enlace directo á sentenza en PDF en inglés.
Os servizos de emerxencia atenderon 221 incidencias entre as oito da tarde e as oito da mañá desta noite de San Xoán. O 112 cuantifica 142 asistencias sanitarias, 61 operativos de Protección Civil e 18 incendios menores. Entre as incidencias máis destacadas, unha menor resultou ferida ao alcanzarlle a cara o lume dunha cacharela en Narón e na Coruña os bombeiros actuaron nunha fogueira descontrolada na Praza da Sardiñeira que queimou uns cables e herba.
Brais Lorenzo gaña o XVI Premio Luis Ksado de creación fotográfica coa súa colección Lume, centrada nos incendios forestais. "Visualiza o drama humano e mais o ecolóxico.Todo na liña do máis puro fotoxornalismo, onde a narrativa visual fai fincapé nas persoas que viven intres de tensión", destaca o xurado do certame, promovido pola Deputación da Coruña. [Na imaxe -© Deputación da Coruña-, fotografías da colección].
Queda aprobada a Lei Xeral de Comunicación Audiovisual, tras ser ratificada este mércores polo Senado. Unha lei que non contou co apoio dos socios da coalición de Goberno por unha emenda do PSOE que muda a definición do produtor independente, constituíndo unha “sentenza de morte” para a opinión de parte do sector audiovisual.
O senador galego Xoaquín Fernández Leiceaga, ponente da lei, salientou que se “multiplica por catro a porcentaxe de inversión obrigada” nas producións independentes. “Estou seguro de que La última cena, Arde, Alcarrás o Aztarnak, producións cinematográficas en distintas linguas, terían hoxe moitísima máis facilidade de financiamento que non coa lexislación que está vixente ata o de agora”, manifestou. A lei entrará en vigor coa publicación no BOE.
O Concello de Santiago presentou o "Mapa dos cinematógrafos de Compostela", que busca dar a coñecer a historia das 21 salas de proxección que tivo ou ten Compostela, a primeira creada en 1900. A iniciativa forma parte do proxecto Compostela Filmada, coordinado por Óscar Senra
O ex-ministro do Interior Jorge Fernández Díaz dirixiu persoalmente operacións da brigada policial corrupta contra independentistas cataláns, segundo os novos audios publicados por El País con conversas entre o antigo integrante do Goberno de Rajoy e o ex-comisario Villarejo. Como tamén publica a SER, os audios demostran tamén que Fernández Díaz mentiu no Congreso ao respecto destas operacións e da súa relación co comisario corrupto.
Pedro Sánchez anuncia unha baixada do IVE no recibo da luz do 10% ao 5%. A medida será aprobada o vindeiro sábado, no Consello de Ministros extraordinarios que dará o visto e prace á prórroga das medidas fronte á crise de prezos mediante un decreto no que se esperan máis novidades. Anunciouno esta mañá, durante a sesión de control no Congreso.
Mónica Oltra anuncia a súa dimisión como vicepresidenta da Generalitat valenciana logo da súa imputación pola xestión que o seu departamento fixo do caso de abusos a unha menor tutelada polo qeu foi condenado o seu ex-marido. "O caso pasará á historia da infamia", di.
O BNG confirma que Goretti Sanmartín volverá ser candidata á alcaldía de Santiago. Nun acto no que tamén participou o escritor Suso de Toro, Ana Pontón considerou que "é a alcaldesa que Santiago necesita para recuperar o pulso" e "saír do letargo" dun "goberno de rutina". Sanmartín, que foi candidata por primeira vez en 2019, avanza, pedirá apoio a "todas as persoas que levan Compostela no corazón". O Bloque, que actualmente ten 2 edís na corporación compostelá, asegura que "non se pon límites" cara aos comicios de 2023. [Imaxe: CC-BY-NC-SA BNG]