O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia autoriza a Xunta a esixir o certificado COVID de vacinación, recuperación ou unha proba diagnóstica negativa ás persoas maiores de 12 anos para aloxarse nos albergues turísticos con cuartos compartidos que utilicen toda a súa capacidade. Isto non será necesario se o albergue fica ao 50% da súa capacidade máxima nin cando todos os ocupantes realicen as etapas do Camiño de Santiago no territorio galego nun mesmo grupo burbulla ou de convivencia estable. A medida entra en vigor este sábado e permanecerá activa ata o día 20 de novembro.
O alto tribunal considera que é unha medida "proporcionada", xa que entende que supón unha "restrición en grao mínimo de dereitos fundamentais", fronte "á forte salvagarda que se pretende do dereito á vida e á saúde". Os maxistrados constatan a eficacia da vacinación [na imaxe, vacinación simultánea da gripe e da terceira dose contra a COVID na Coruña CC-BY-SA Sergas] e salientan que nos albergues hai persoas de diferentes procedencias "con coberturas vacinais menores que as de Galicia".