O fume dos incendios segue a repercutir na calidade do aire, sendo moi mala ou pésima en puntos do interior de Galicia, segundo informa Meteogalicia, que pide á poboación que siga as recomendacións.

O fume dos incendios segue a repercutir na calidade do aire, sendo moi mala ou pésima en puntos do interior de Galicia, segundo informa Meteogalicia, que pide á poboación que siga as recomendacións.
Nas fins de semana de agosto Praza.gal non actualiza as súas informacións por descanso do persoal, pero nesta e ante o extraordinario da crise de incendios divulgamos os datos oficiais. Tamén vos deixamos moitas outras pezas para lerdes e o luns estamos de volta.
A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, critica as condicións laborais nas brigadas privatizadas. Nunha manifestación en Nigrán en favor de Palestina, e preguntada polos lumes, Díaz salientou que este persoal de extinción traballa en “condicións de precariedade” e “insoportables”. A líder de Sumar advertiu que a causa da “emerxencia climática” a situación irá “a peor”. “Pido que a política forestal e de incencios no país sexa preventiva, non serve de nada chegar cando o lume está prendido”, aseverou, para a continuación criticar as numerosas plantacións de eucaliptos e a privatización das brigadas forestais en Galicia.
📸 Na imaxe, a protesta en solidariedade co xenocidio que Israel está a cometer en Palestina en Praia América, Nigrán. Ao paso dos manifestantes, todos vestidos de negro, os bañistas puxéronse en pé e aplaudiron CC-BY-SA Praza.gal
Valdeorras está en alerta vermella (nivel 3) polos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde na xornada deste venres. A Xunta vén de actualizar os avisos pola afectación da calor na saúde da poboación, sobe ao nivel 2 (laranxa) de alerta e amplía a suspensión da actividade deportiva federada no exterior ata as 21 horas en concellos do centro, sur e da montaña de Lugo; e da montaña de Ourense, así como na comarca de Valdeorras. No nivel 1 (amarelo) quedan os concellos ourensáns da zona noroeste, do Miño e do sur da provincia, como se observa no mapa de MeteoGalicia.
A Conselleira de Medio Ambiente eloxia "o grao de cumprimento ambiental" das granxas de visón américano, que a UE e o Goberno de España queren pechar polos seus riscos ambientais.
O Sindicato de Xornalistas Palestinos contabiliza 238 xornalistas e traballadores de medios de comunicación asasinados en Gaza desde outubro de 2023, o pasado domingo un ataque aéreo do exército israelí matou os reporteiros Anas al Sharif, Mohammed Qreiqeh, Ibrahim Zaher, Moamen Aliva, Mohammed Noufal e Mohamed al Khalidi. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia convoca este xoves unha xornada de apoio ao xornalismo palestino baixo o lema #OXornalismoNonÉUnCrime #JournalismIsNotACrime
Nasser Abu Baker, presidente do Sindicato de Xornalistas Palestinos, recolleu o pasado maio en Santiago o Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa e afirmou que "o goberno israelí non quere que ningún de vós vexa a realidade do que pasa alí" e que son os xornalistas palestinos en Gaza "os que están a mostrar o que acontece e, polo tanto, o seu traballo é o que provocou que esteamos aquí reunidos hoxe".
A redacción de Praza explicita o seu apoio aos compañeiros e compañeiras que seguen a informar dende Gaza #OXornalismoNonÉUnCrime
🎬 O filme San Simón, de Miguel Ángel Delgado, terá a súa estrea no Festival de San Sebastián. Rodado o pasado ano coa colaboración do grupo de investigación Histagra da USC e da Asociación O Faiado da Memoria, narra a historia do campo de concentración que fundou o franquismo nesta illa da ría de Vigo. No filme participan fillos e netos dos que estiveron presos en San Simón e un elenco de actores e actrices que conta con Flako Estévez, Alexandro Bouzó, Guillermo Queiro, Ana Fontenla, Mª del Carmen Jorge, Manuel F. Landeiro, Lucía Amarelle, Javier Varela, Tatán, Darío Fernández ou Andrés Giráldez. San Simón estará acompañada na sección Made in Spain do festival de cine de Donostia por outras longametraxes como Sirat, de Oliver Laxe e Romería, de Carla Simón, tamén rodada na zona de Vigo. [📸 Fotograma da película © Miramemira, Morelli Producciones en coprodución con Bando à Parte]
O PP obtén a alcaldía de Touro cunha moción de censura apoiada por un concelleiro saído de Movemento Veciñal. Nesta vaga de mocións de censura tras unha sentenza do Tribunal Constitucional que as facilita os populares perden Noia e gañan Forcarei, Touro e nuns días Fisterra. [Foto: Juan Esturao]
A Xunta eleva ao nivel 3, vermello, o risco por altas temperaturas na montaña de Lugo e Valdeorras. O Goberno galego vén de actualizar os niveis de alerta dos concellos fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde e sitúa no segundo nivel (laranxa) aos municipios do sur da provincia de Lugo, do Miño, do interior de Pontevedra e do noroeste, montaña e sur de Ourense. O centro da provincia de Lugo permanece en nivel 1 (amarelo) de risco polo efecto da calor, como se observa no mapa de MeteoGalicia.
A Xunta mantén a suspensión da actividade deportiva federada no exterior por elevadas temperaturas ata as 21 horas de hoxe en varias zonas de Galicia. A prohibición abrangue toda a provincia de Ourense, así como en concellos da montaña de Lugo e do interior de Pontevedra.