Fran Vázquez (Chantada, 1983) anuncia a súa retirada do baloncesto profesional. O máximo taponador da historia da ACB e da Euroliga supera nesa categoría ao tamén galego Fernando Romay.
Fálase
O Goberno central confirma á Xunta que nos núcleos de poboación de menos de 5.000 habitantes é posible saír pasear sen franxas horarias dentro da marxe xeral de 6h a 23h aínda que pertenzan a concellos de máis poboación. Esta posibilidade está recollida na orde que regula esta parte do desconfinamento, se ben inicialmente a Delegación do Goberno en Galicia interpretou que só atinxe ás entidades locais con personalidade xurídica propia. O pasado domingo, Pedro Sánchez xa se mostrara favorable ante Feijóo a interpretar a orde en Galicia en sentido amplo, como en Asturias, e pronunciouse no mesmo sentido onte no Congreso en resposta ao deputado do BNG, Néstor Rego. [Na imaxe, un núcleo de poboación en Arcos (Mazaricos) CC-BY-SA Deensel]
Morre por coronavirus o policía franquista Juan Antonio González Pacheco, alcumado Billy El Niño, coñecido por acumular múltiplas acusacións de torturas. González Pacheco seguiu cobrando ata a fin da súa vida por condecoracións recibidas ao abeiro de leis da ditadura. (Imaxe tirada de eldiario.es)
Así soa Illas de sal, o segundo sinxelo do novo disco de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, As catedrais silenciadas. A protagonista do vídeo é Sofía Souto Carballido, "unha nena bailadora", explican dende o equipo do músico, e está enmarcada en espazos da Costa da Morte como o Monte Pindo ou A Boca do Río. A nova peza é unha xota e a súa orixe é unha recolleita de Alan Lomax en Corcubión.
Feijóo comparece por segunda vez no Parlamento dende o inicio da crise do coronavirus. A anterior comparecencia ante a Deputación Permanente -único órgano activo na Cámara disolta- celebrouse o pasado 26 de abril, cando o presidente da Xunta sinalou que a xestión do Executivo galego fronte á pandemia estaba a causar "admiración". A sesión pódese seguir ao vivo na web do Parlamento
Falece aos 79 anos o empresario Manuel Jove. Foi o fundador da inmobiliaria Fadesa, que vendeu xusto antes do picazo da burbulla inmobiliaria deixando tras de si numerosas promocións. Dende 2007 encabezaba a corporación Inveravante, con investimentos en diversos sectores. Viña sendo considerado propietario dunha das maiores fortunas en Galicia.
O Concello de Sanxenxo anuncia un plan para parcelar a praia de Silgar durante o verán para que o turismo se sinta "tan seguro como na súa casa" fronte ao coronavirus, di o alcalde da vila, Telmo Martín.
O Eixo Atlántico de cidades da eurorrexión reclama á UE que non mude polo coronavirus as normas que obrigan ás compañías aéreas a devolver o importe dos billetes. O presidente da entidade, Ricardo Rio, alcalde de Braga, remitiu unha carta á comisaria de Transportes, Adina Valean, na que amosa a súa preocupación por que o intento das empresas por mudar o reembolso por bonos canxeables posteriormente se poida estender a outros sectores da economía.
Distinguido co premio Pullitzer un traballo de investigación publicado na estadounidense ProPublica ilustrado e deseñado polos galegos Denís Galocha e Xocas González, respectivamente.
O PNV apoiará a cuarta prórroga do estado de alarma polo coronavirus tras pactar co Goberno central "acordar con cada comunidade autónoma aspectos clave da loita contra a pandemia como a circulación de persoas" e axudar á "mellor realización daquelas eleccións que se poidan convocar", como as vascas e galegas. (Na imaxe, de arquivo, Pedro Sánchez e Aitor Esteban)