A Comisión Estatal para o Patrimonio Natural, na que están representadas todas as comunidades autónomas, aprobou a inclusión do lobo no listado de especies con Protección Especial, como propoñía o Goberno central. O lobo xa non poderá ser cazado de forma xeneralizada no norte de España, como sucedía ata agora, aínda que si se poderán realizar "controis poboacionais" en zonas específicas se se documentan ataques sistemáticos á gandaría. En cambio, non houbo acordo para protexer á rula. A Comisión Europea ameaza con sacionar o Estado español pola falta de protección a estas dúas especies.
Fálase
Alcoa comunica ao comité o inicio das negociacións coa SEPI para a venda da planta de aluminio da Mariña. A evolución das conversas avaliarase nunha reunión multilateral o vindeiro 22 de xaneiro, segundo confirmou a empresa ao persoal.
Bárcenas confesa a Anticorrupción que o PP se financiou ilegalmente entre 1982 e 2009. O ex-tesoureiro popular asegura que Rajoy destruíu os papeis pero que el gardou unha copia.
A Policía Local de Santiago inspecciona 19 autobuses escolares e denuncia a 11 por diversas irregularidades. Pola contra, de 16 vehículos de autoescolas inspeccionados só denunciou un. [Imaxe: Concello de Santiago]
A Audiencia de Lugo arquiva o 'caso Garañón', no que a xuíza Pilar de Lara imputara en 2015 ao ex-líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e ao ex-alcalde de Lugo, o tamén socialista José López Orozco.
As farmacias da provincia de Pontevedra recollerán mostras de saliva para cribados de probas PCR. Vén de anuncialo a Consellería de Sanidade tras chegar a un acordo co Colexio de Farmacia de Pontevedra. Segundo o conselleiro Comesaña, o plan pasa por estender esta práctica ao resto de Galicia.
A revista científica The Lancet avala unha eficacia do 91,6% da vacina rusa contra a COVID-19. A publicación sinala que non se asociaron efectos adversos graves á vacinación coa Sputnik V.
Chévere vén de iniciar un proxecto para recoller a memoria do barrio compostelán de Vite a través de ficcións sonoras teatralizadas que se poderán escoitar mediante o móbil mentres se pasea pola zona. Dramawalker Vite, realizado en coprodución co Centro Dramático Nacional e o Centro Dramático Galego, faise coa colaboración da veciñanza e o tecido asociativo dun barrio que medrou a partir dos anos 60 do pasado século ao abeiro do desarrollismo franquista, que nos 80 sufriu o impacto da drogadicción "e que inventou aquel berro de autodeterminación que marcaba a diferenza na cidade a comezos dos noventa: Vite Nazón!".
O paro rexistrado diminuíu en 3.603 inscricións nas oficinas de emprego de Galicia durante o mes de xaneiro e queda en 185.984, o que supón 18.229 máis que en xaneiro de 2020. No mesmo mes, a afiliación media á Seguridade Social diminuíu en 9.823 persoas, ata as 992.338, isto é, 14.168 menos que hai un ano.
Un total de 27.098 persoas recibiron xa as dúas doses da vacina contra COVID-19 en Galicia, as que fornecen a inmunización. Segundo os datos divulgados este luns polo Ministerio de Sanidade (pechados o domingo), o Sergas leva administradas 85.718 doses, o 95,6% das recibidas ata a pasada semana. Estas cifras non inclúen a remesa de vacinas recibida este mesmo luns.