O Burela gaña a súa quinta Supercopa de fútbol sala feminino, cuarta consecutiva, tras gañar ao Melilla 4-1.
- HEMEROTECA (Marzo 2022) | A Mariña e Burela seguen presumindo de equipo feminino: once títulos consecutivos
O Burela gaña a súa quinta Supercopa de fútbol sala feminino, cuarta consecutiva, tras gañar ao Melilla 4-1.
Audasa saca a concurso por 3 millóns de euros obras de reposición pendentes desde a ampliación de Rande en 2017. Así o anuncia no BOE deste sábado. Xa antes de inaugurar Rajoy a ampliación da ponte en decembro daquel ano o Ministerio de Fomento admitía que quedaban actuacións pendentes.
Galicia aumentou un 35% o número de explotacións apícolas na última década, ata achegarse ás 5.000. É a terceira comunidade autónoma en número de explotacións e a quinta en mel producido, cunhas 3.000 toneladas, segundo salientou a Xunta no marco da II Feira do Mel Alvariza en Lalín.
Rueda di que “non hai nada que facer” na CRTVG coa proposta de Feijóo de levar a “independencia” aos medios públicos. O presidente di que “é bo que os medios públicos non estean politizados, e como creo que os medios públicos de Galicia non están politizados, creo que non hai nada que facer, e se estivesen politizados por suposto que o faría”.
Rueda confirma que “non vai haber apoio económico a centros que segreguen por sexo” nos novos concertos coa escola privada. O presidente, preguntado sobre a posibilidade denunciada pola CIG de que se manteñan eses concertos, ratifica que “a lei establece que non e polo tanto non se van renovar”. [Imaxe: Xunta]
O uso da máscara deixará de ser obrigatorio no transporte público o vindeiro 8 de febreiro. Así o vén de confirmar a ministra de Sanidade, Carolina Darias, que confirma que o cambio da normativa será aprobado no Consello de Ministros do día 7. "Manteranse as actuais condicións en centros sanitarios, establecementos sanitarios e centros sociosanitarios". Esta medida contra a COVID fora implantada en maio de 2020, no inicio do desconfinamento.
Unha deputada do PP de Ourense censura que a reforma da Lei de Seguridade Cidadá quere “desarmar” á policía por pedirlle que respecte os dereitos humanos. Ana Vázquez Blanco, portavoz de Interior dos populares, pregúntase quen defende os dereitos humanos dos axentes.
EPA | Galicia rematou 2022 con 1.104.500 persoas traballando, 13.200 máis que un ano antes, segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA) do cuarto trimestre do pasado ano, que vén de ser publicada. Nese trimestre, a poboación en situación de desemprego quedou en 131.400 persoas, 3.700 menos que no remate de 2021. Entre trimestres, non obstante, a ocupación diminúe en Galicia un -0,83%.
Galicia será a sede da fase final da Copa de Rexións da UEFA de fútbol masculino o vindeiro xuño. Segundo informa a Federación Galega de Fútbol, os posibles rivais da selección galega nesa competición serán Lisboa, Bavaria, Belgrado, República de Irlanda, Zenica-Doboj, Zlín ou a vixente campioa, Dolny Śląsk. A Federación indica que a vindeira semana unha delegación da UEFA visitará Galicia "para visitar os posibles estadios que serán sede" da competición. Esta copa dispútana xogadores que nunca participaron en ningunha competición futbolística profesional e a UEFA sinálaa como "escaparate do talento do fútbol europeo". [Foto: © Federación Galega de Fútbol]
O Sergas disponse a ampliar o rango de idade dos cribados de cancro de mama: serán citadas mulleres dende 45 anos de idade e non a partir dos 50, como ata agora, e estenderase o límite máximo dos 69 aos 74 anos, segundo avanzou este mércores no Parlamento o presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Sanidade prevé que se incrementen nunhas 200.000 as mulleres que se beneficien destes controis preventivos. Na imaxe [CC BY-SA Xunta], exame dunha mamografía.