Na véspera do 8M a Real Academia Galega publica un artigo escrito por Xela Arias en 1991 no que a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas critica as desigualdades existentes no mundo literario: “O meu compromiso comigo está en escribir desde min. E eu son muller, miope e galega. Só cando esqueza iso deixarei de ser fiel ó feito das mulleres, das miopes e das galegas”. No texto a poeta tamén critica a recepción “hipócrita” de Tigres coma cabalos.
Fálase
O coruñés Mario Casas obtén o Premio Goya ao mellor Actor Protagonista por 'No matarás'. Ademais, 'La gallina turuleca' -coproducida por A Fonsagrada Films- levou o Premio á Mellor Película de Animación.
Este sábado lévase a cabo a segunda xornada da edición 2021 do foro 'As mulleres que opinan son perigosas'. Podes consultar aquí o programa do día, no que se pechará o foro, que se desenvolve de forma online e se pode seguir neste vídeo.
A Xunta levantará os peches das áreas sanitarias da Coruña e Pontevedra dende o luns e engadirá aos peches perimetrais municipais a Boborás, A Pobra do Brollón e A Mezquita, ademais de Soutomaior, onde xa rexe. Así o vén de anunciar o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. No nivel intermedio (con mobilidade só entre si) quedarán Miño, Ponteceso, Sobrado, Arteixo, Cambados, Ponte Caldelas, Vilanova de Arousa, Guitiriz, Paradela, Lourenzá, Mos, Cariño e Mugardos. Toda a información sobre os novos niveis de cada concellos, esta tarde en Praza. (Imaxe: Xunta)
O Diario Oficial de Galicia publicou a pasada noite as novas restricións da Xunta pola COVID-19, en vigor dende hoxe, que teñen como principais novidades en canto a mobilidade a apertura da área de Ferrol e un único concello, Soutomaior, con peche perimetral. Entre as mudanzas publicadas no DOG figura tamén unha relaxación das restricións nos concellos de Corcubión, Curtis e Ponteceso á marxe do resto da área sanitaria da Coruña-Cee, se ben Sanidade advirte de que é un erro que será corrixido durante a mañá. O Goberno galego volve revisar hoxe as medidas e os eventuais cambios entrarían en vigor ás 00:00 do luns.
A mugardesa Belén Toimil bate o récord de España de lanzamento de peso ao lograr 18,64 metros no seu primeiro lanzamento no Campionato de Europa de Atletismo en Torun (Polonia). Toimil pasa así á final do campionato e a mínima para os Xogos Olímpicos. (Imaxe: @EuroAthletics)
A Xunta amplía ata o 12 de marzo a data límite para que a hostalería descargue os carteis co límite de capacidade e o código QR para os locais. O Goberno galego xa evitara a súa aplicación coa entrada en vigor do Plan de hostalería segura o pasado 26 de febreiro.
O Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas acordan prohibir a mobilidade interautonómica durante a Semana Santa, entre o 26 de marzo e o 9 de abril, con xuntanzas dun máximo de 4 persoas non convivintes. Ademais, o toque de queda manterase nesas datas entre as 22 horas da noite e as 6 da mañá. O plan debe ratificarse a semana que vén no Consello Interterritorial do Sistema de Saúde
Xa se pode ver o tráiler do filme Nación, dirixido por Margarita Ledo, que se estreará nas salas comerciais o vindeiro 26 de marzo. Antes, a película poderá verse este 5 de marzo no CGAI da Coruña, nunha sesión que incluirá un coloquio coa directora. "Nación é un filme de mulleres, de mulleres traballadoras que soñan con voltar á fábrica. É un filme feminista, da experiencia da sororidade. Un filme de clase, das traballadoras de Pontesa, de Odosa, de Regojo, de todas as que nos representan, mulleres valentes que ensinan os dentes. Nós vimos delas", destaca.
- OPINIÓN | Por que é necesario 'Nación'?
- HEMEROTECA | Nove filmes do Panorama Audiovisual Galego de Cineuropa
A policía rexistra as oficinas da antiga Alcoa na Coruña e Avilés. A UDEF entra nas factorías de Alu Ibérica en Galicia e Asturias logo de que a Audiencia Nacional abrise unha investigación pola venda de ambas plantas.