La Vanguardia segue os pasos de The Guardian e tamén deixa de publicar en X. "Esta rede converteuse nunha plataforma na que atopan caixa de resonancia teorías da conspiración e desinformación", así como "ideas que atentan contra os dereitos humanos", que "adquiren viralidade e captan máis tempo dos usuarios para gañar máis cartos das insercións publicitarias", sinala o xornal catalán, que conta con máis dun millón de perfís a seguilo no antigo Twitter. A decisión, agregan, "coincide co anuncio por parte de Donald Trump" de nomear a Elon Musk, propietario de X, para codirixir un departamento orientado a "facer recortes na administración estadounidense".
