María Salvado López, figura clave na renovación pedagóxica galega desde finais dos anos sesenta, morreu este luns en Compostela. Nacida en Budiño (O Pino) en 1950, con apenas 18 anos comezou a exercer como mestra no Freixo, no Concello de Outes, e sempre mantivo un fondo compromiso social e pedagóxico, cunha aposta pola autonomía do alumnado como fonte de coñecemento e o compromiso coas persoas menos favorecidas. Formou parte da primeira promoción de licenciados da Facultade de Pedagoxía, etapa na que entrou en contacto con Herminio Barreiro. Participou na creación da Unión de Traballadores do Ensino Galego (UTEG), e foi unhas das fundadoras do Partido Obreiro Galego (POG) en 1977, militando posteriormente en Esquerda Galega. En 1983 foi unha das promotoras de Nova Escola Galega. En 2015 participou no nacemento de Chan da Pólvora, libraría e editorial de poesía.
