O conselleiro de Cultura e Lingua reúnese co arcebispo de Santiago, Francisco Prieto, na serie de encontros do Goberno galego para un novo pacto pola lingua. O arcebispo, que vén amosándose defensor dunha maior normalización do galego na Igrexa, reuniuse xa hai dous días con Queremos Galego.
Fálase
O alcalde de Vigo convoca tres concertos-manifestación para defender infraestruturas pendentes na cidade. O martes 26 de novembro reclamará a conexión de alta velocidade con Ourense por Cerdedo, o mércores 11 de decembro a saída sur cara a Portugal e o 3 de xaneiro a autovía en túnel Vigo-O Porriño.
Nove bandas galegas únense á iniciativa de concertos solidarios Som València de captación de fondos para poboación afectada polas riadas. Bala, Boyanka Kostova, Grande Amore, mariagrep, Mondra, Ortiga, Sabela, The Rapants e Triángulo de Amor Bizarro actuarán o vindeiro martes 12 ás 19h na coruñesa sala Inn Club. As entradas están xa á venda e o seu importe íntegro destinarase á Fundación Horta Sud, que acumula "máis e 50 anos de actividade dedicada a promover a asociación entre persoas e fortalecer o tecido cultural e social dos municipios afectados". A iniciativa Som València nace do sector musical que se concreta en concertos por todo o Estado, cunha ducia deles xa confirmados.
O PSdeG confirma a Queremos Galego que tamén secundará a mobilización "por un cambio de rumbo" na política lingüística, o vindeiro día 17. Nunha xuntanza coa plataforma, José Ramón Gómez Besteiro subliña que "urxe articular medidas ben planificadas e ben dotadas economicamente para reverter a perda do uso do idioma propio, especialmente entre a mocidade". Queremos Galego está a xuntar apoios para o acto dende diversos eidos, entre os que inclúe os grupos parlamentarios e diversas entidades e institucións.
A deputada por Pontevedra Verónica Martínez Barbero, nova portavoz de Sumar no Congreso en substitución de Íñigo Errejón. A decisión foi adoptada por unanimidade do Grupo Parlamentario da coalición "no marco dun proceso que comporta a reestruturación de responsabilidades dentro do mesmo". Barbero foi presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais dende 2017 e directora xeral de Traballo ata o pasado ano.
A sétima edición dos Premios Meninas, cos que a Delegación do Goberno en Galicia destaca o compromiso na erradicación da violencia de xénero e a loita pola igualdade, recoñece o maxistrado Fernando Lousada; a maxistrada e activista afgá Rahima Sabiri; a ONG Ecos do Sur da Coruña; a asociación Axel de Lugo, o Centro Alumar de Cáritas Diocesana de Ourense e a editora Teresa Zataraín de Pontevedra. Ademais, os galardóns conceden cinco mencións honoríficas, que destacan por exemplo á asociación Teenses pola igualdade.
Así mesmo, en colaboración co Colexio Oficial de Xornalistas, recoñécese o papel dos medios na igualdade a través das xornalistas Susana Pedreira e Diana López, impulsoras do proxecto As mulleres que opinan son perigosas.
- ENTREVISTA | Susana Pedreira: "Un xornalismo que só ten a visión dos homes é un xornalismo torto"
- ENTREVISTA | Diana López: "Hai temas que non están no discurso público porque nos afectan máis ás mulleres"
A sostibilidade nas cidades e no xornalismo, a debate hoxe en Santiago con infoLibre. O xornal dirixido polo vilalbés Daniel Basteiro, co que Praza.gal mantén unha alianza xornalística dende 2022, organiza o foro Sostibilidade, unha cuestión alén da ecoloxía que principiará ás 18h00 cunha entrevista á alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín. Continuará coa conversa sobre xornalismo e información na que participan Belén Regueira, decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; Xosé Manuel Pereiro, codirector da revista Luzes; Sonia Vizoso, xornalista de El País; e David Reinero, xornalista de Praza.gal. O foro celébrase na Casa das Asociación -rúa Manuel Beiras, 3- e os convites gratuítos pódense retirar nesta ligazón. O acto tamén se poderá seguir ao vivo por YouTube.
O BOE publica o Real Decreto Lei coas medidas urxentes de axuda ás poboacións afectadas polas riadas anunciado este pasado martes por Pedro Sánchez cun importe total superior aos 10.000 millóns de euros. Todas as medidas entran en vigor mañá, xoves día 7. O decreto debe ser convalidado no Congreso dos Deputados, ratificación para a que o Goberno de España agarda obter unha maioría cómoda. [Imaxe: © Pool Moncloa/Borja Puig de la Bellacasa]
Donald Trump volverá á presidencia nos EUA. O candidato republicano marcha con ampla vantaxe no reconto xa coñecido (247 fronte a 214 votos no colexio que elixe a presidencia, arestora nas cifras do New York Times) fronte á demócrata Kamala Harris, que non falará na noite electoral, segundo confirma a súa campaña. Máis información e análise, este mércores en Praza.gal.
- EN ACTUALIZACIÓN 👉 Trump vence nos Estados Unidos e dá azos a internacional reaccionaria
- HEMEROTECA | Seguidores de Trump asaltan o Capitolio e interrompen a ratificación de Biden como presidente dos Estados Unidos
- HEMEROTECA | Joe Biden, elixido novo presidente dos Estados Unidos mentres Trump teima sen probas na tese da fraude
Pedro Sánchez anuncia axudas por 10.600 millóns para 78 municipios atinxidos polas riadas -todos da Comunitat Valenciana agás 2 castelán-manchegos e un andaluz- con, entre outras medidas, achegas de ata 72.000 euros para casos de incapacidade, ata 60.000 para reparacións en vivendas ou ata 10.300 para mobles ou electrodomésticos, así como axudas directas de ata 150.000 para empresas. O presidente do Goberno de España avanzou ademais, tras o Consello de Ministros, a creación dunha figura de incapacidade temporal extraordinaria para persoas asalariadas ou autónomas con danos físicos ou psicolóxicos a causa do sucedido, con cobertura do 75% do salario dende o primeiro día. Nesta ligazón, un resumo do anunciado [Imaxe: © Pool Moncloa/Borja Puig de la Bellacasa]