Un tremor de terra con epicentro en Laxe acada unha magnitude de 3,5, segundo o IGN, que sitúa o terremoto arredor das 19:23 do serán do martes, día 21. O 112 recibiu "varias chamadas de veciños que notaran o terremoto no propio municipio como tamén en Muxía, Ponteceso e Santa Comba". (Imaxe: IGN)
Fálase
María do Cebreiro gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2021 coa obra Maternidades virtuosas, que publicará a Editorial Galaxia durante o vindeiro ano. O galardón, organizado entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta e a propia editora, co patrocinio de Caixa Rural Galega, tivo no xurado a María Alonso Alonso, Javier Barcia González, Raquel C. Pico, Lois Oreiro e Carlos Lema. O ensaio premiado destaca "por facer unha achega accesible a todos os públicos sen perder o rigor intelectual sobre como os cambios sociais, o capitalismo, o contexto tecnolóxico e os cambios no coñecemento están intervindo a experiencia da maternidade".
O PP aproba en solitario no Parlamento os Orzamentos da Xunta para 2022, de algo máis de 11.600 millóns de euros, cifra similar á deste ano. Este martes debate e vota tamén a lei de acompañamento das contas públicas, que inclúe medidas como unha rebaixa de impostos ás rendas altas, compensacións ás construtoras polo encarecemento de materiais e outras moitas mudanzas en todo tipo de leis previas. [Imaxe: Parlamento de Galicia]
O Sergas comeza a enviar citas para a terceira dose da vacina contra a COVID á poboación de entre 40 e 49 anos. Así o confirma a Consellería de Sanidade. Este é o grupo máis numeroso da poboación galega.
Así soa Terra, o tema co que Tanxugueiras optan a estar en Eurovisión. Presentárono na medianoite deste 20 de decembro e xa acumula decenas de miles de reproducións. Interpretarano no Benidorm Fest, o festival co que RTVE escollerá o vindeiro xaneiro a súa representación. Pódelo escoitar aquí
As Tanxugueiras presentan esta medianoite Terra, a canción coa que competirán no Benidorm Fest, do que sairá a representante de RTVE en Eurovisión. "Terra é un tema cunha sonoridade moi Tanxugueiras, a que nos caracteriza. Tiñámolo na cabeza dende hai moito tempo", contounos Sabela Maneiro. Xa se pode escoitar un adianto, os primeiros 19 segundos de Terra. Escóitaos aquí
Falece aos 41 anos o músico ourensán Xaime Mateo, que formou parte de proxectos como O Sonoro Maxín, Emilio José e Os Indígenas, MounQup e, sobre todo, Os Amigos dos Músicos. Na imaxe, durante unha entrevista con VINTE
Gabriel Boric, candidato da esquerda, será o novo presidente de Chile tras impoñerse co 55% dos votos ao aspirante da extrema dereita, José Antonio Kast. "Estamos ante un cambio de ciclo histórico e non o podemos desaproveitar", proclamou o vencedor dos comicios. Imaxe divulgada pola candidatura gañadora. O escrutinio oficial pódese revisar nesta ligazón
Galicia despide un outono moi seco. O informe de MeteoGalicia sobre os meses de setembro, outubro e novembro traslada que a precipitación media foi de 269 l/m² (recollida polas 16 estacións máis significativas) e que isto se traduce "nunha anomalía negativa dun 34% con respecto aos valores normais". Así mesmo, o outono foi cálido no país, "cunha temperatura media obtida a partir das estacións meteorolóxicas máis representativas de 14,7ºC, é dicir, 0,25ºC máis do esperado".
Pedro Sánchez convoca unha conferencia extraordinaria de presidentes autonómicos. Será na tarde do 22 de decembro, de maneira telemática, desde o Senado co fin de ″estudar medidas″ para enfrontar a incidencia da COVID-19. O presidente do Goberno do Estado advirte dun ″risco real″ cunha incidencia de ″511 casos por 100.000 habitantes a 14 días″ no conxunto do Estado, que ″esixe que intensifiquemos as nosas accións″.
″Vacinarse, vacinarse e vacinarse″, repetiu Sánchez como resposta ao coronavirus, con máis do 82% das persoas maiores cunha dose de reforzo da vacina contra a COVID e unha resposta ″igual de formidable″ nos nenos e nenas de 5 a 11 anos, pois Sánchez trasladou que ″en tres días vacinamos case o 5% desta poboación″ no Estado.