Varios dos tripulantes do histórico Xurelo reúnense na Coruña para lembrar "o papel decisivo de Galicia na loita pola defensa do medio mariño" e a fin das verteduras nucleares ao Atlántico, grazas á súa travesía de hai catro décadas. A homenaxe foi impulsada pola organización do Festival Mar de Mares, que se celebra do 15 ao 18 de setembro, e nela participaron Gonzalo Vázquez, na altura tenente de alcalde da Coruña por Esquerda Galega; Roxelio Pérez, profesor universitario e activista do Colectivo Natureza, o escritor e xornalista Manuel Rivas e mais o fotoxornalista Xosé Castro, Pepucho.
