Feijóo avoga pola celebración dun congreso para a súa sucesión, que espera quede resolta no mes de maio. Asegura nunha entrevista en La Voz de Galicia que volver ao modelo das baronías territoriais sería "un grave erro" que non "representa o futuro"
Fálase
A ONU confirma case 1.800 persoas civís mortas e máis de 2.400 feridas na invasión de Ucraína. Do total de falecidas, 142 son crianzas. Foto. SES-Ukraine.
Francia acode hoxe ás urnas marcada polo ascenso da dereita e a guerra da Ucraína. Macron parte como favorito nesta primeira volta fronte a un grupo con dous ultradereitistas con opcións, con Le Pen como a mellor posicionada.
O Frente Polisario anuncia a suspensión dos seus contactos co actual Goberno de España tras o anuncio de "apoio ao plan do ocupante marroquí. Nun comunicado, asegura que a relación queda suspensa ata que España "se adhira ás resolucións da lexitimidade internacional que recoñecen o dereito de autodeterminación do pobo saharauí".
O Tribunal Supremo admite a trámite os recursos do Concello de Santiago contra a sentenza da Audiencia de Madrid que deixou as esculturas do Mestre Mateo nas mans dos herdeiros de Franco. O alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, di que o goberno local está satisfeito por unha noticia "inesperada" que "abre unha porta para que o Concello poida recuperar as pezas", mercadas polo consistorio en 1948.
A Xunta levanta este sábado as últimas restricións específicas pola COVID na hostalería e deixa de haber límite de comensais por mesa. Feijóo sinala que a única restrición que seguirá vixente será a esixencia de certificado COVID para visitas a hospitais e residencias de maiores, xa avalada polo TSXG.
A elevada produción de renovables baixa o prezo da luz ata alcanzar os 7 euros/MWh nalgún tramo horario deste venres. Os fortes refachos de vento no norte da península e o tempo solleiro no centro e sur permiten unha forte baixada do importe da electricidade no mercado maiorista ao prescindirse do gas.
Feijóo di "entender" que "no mes de maio haberá novo presidente" da Xunta. Tras a votación da persoa que o substitúa, concreta, dimitirá tamén como deputado. Paralelamente, di, abordará a posibilidade de ser senador por designación do propio Parlamento. Indicouno, en respostas á prensa, tras reunirse con Pedro Sánchez na Moncloa en calidade de líder do PP.
A ONU suspende a Rusia do Consello de Dereitos Humanos. A medida foi aprobada con 93 votos a favor, 24 en contra e 58 abstencións.
O TSXG autoriza a Xunta a prorrogar ata o 23 de abril a obriga de esixir o certificado COVID (de vacinación, recuperación ou test negativo) para facer visitas en hospitais e residencias de maiores ou persoas con discapacidade. A Sala subliña que a norma se estende á Semana Santa, un período de "incremento do risco" polo "aumento de traslados da poboación e de visitas a residentes e familiares". Agrega que "non pode levar a engano a tendencia decrecente da taxa de incidencia do virus nin a previsión anunciada do fin da obrigatoriedade da máscara en espazos interiores", xa que se trata de "garantir a saúde de persoas que presentan unha especial vulnerabilidade"