A elevada produción de renovables baixa o prezo da luz ata alcanzar os 7 euros/MWh nalgún tramo horario deste venres. Os fortes refachos de vento no norte da península e o tempo solleiro no centro e sur permiten unha forte baixada do importe da electricidade no mercado maiorista ao prescindirse do gas.
Fálase
Feijóo di "entender" que "no mes de maio haberá novo presidente" da Xunta. Tras a votación da persoa que o substitúa, concreta, dimitirá tamén como deputado. Paralelamente, di, abordará a posibilidade de ser senador por designación do propio Parlamento. Indicouno, en respostas á prensa, tras reunirse con Pedro Sánchez na Moncloa en calidade de líder do PP.
A ONU suspende a Rusia do Consello de Dereitos Humanos. A medida foi aprobada con 93 votos a favor, 24 en contra e 58 abstencións.
O TSXG autoriza a Xunta a prorrogar ata o 23 de abril a obriga de esixir o certificado COVID (de vacinación, recuperación ou test negativo) para facer visitas en hospitais e residencias de maiores ou persoas con discapacidade. A Sala subliña que a norma se estende á Semana Santa, un período de "incremento do risco" polo "aumento de traslados da poboación e de visitas a residentes e familiares". Agrega que "non pode levar a engano a tendencia decrecente da taxa de incidencia do virus nin a previsión anunciada do fin da obrigatoriedade da máscara en espazos interiores", xa que se trata de "garantir a saúde de persoas que presentan unha especial vulnerabilidade"
Morre aos 88 anos o debuxante Motoo Abiko, co-creador de personaxes como Doraemon ou o ninja Hatori, que en Galicia lograron gran popularidade a través do Xabarín Club da TVG.
Feijóo acode por primeira vez a unha reunión co presidente do Goberno de España en calidade de líder do PP e non como titular da Xunta. Segundo avanzou en declaracións previas, no encontro pedirá a Pedro Sánchez diversos recortes tributarios. O xefe do Executivo, entre outros aspectos, ten previsto instalo a apoiar o plan de axudas pola crise de prezos e a renovación de órganos institucionais co mandato caducado coma o Consello do Poder Xudicial. Imaxe divulgada polas contas oficiais da Moncloa.
Alberto Núñez Feijóo traslada ao rei Felipe VI a súa proposta para "activar a economía, diminuír a inflación e que as familias cheguen a fin de mes”. Accións que pasan por reducir o IRPF, como lle proporá a Pedro Sánchez este xoves. O aínda presidente da Xunta tamén conversou co rei sobre a súa “perplexidade” a respecto da decisión do Goberno de España sobre o Sáhara.
Feijóo mostrouse como un “aliado” da monarquía, valorou que ″o Estado de dereito funcionou″ no caso do rei emérito e aseverou que ″ese asunto está resolto″ e que lle “alegra” o resultado. [Na imaxe, Feijóo e Felipe VI en setembro de 2020, despois da súa reelección na Xunta © Casa de S. M. el Rey]
A Xunta amplía a prealerta por seca a toda a demarcación hidrográfica de Galicia-Costa como medida preventiva. A oficina técnica da seca do Goberno galego acordou este mércores [na imaxe CC-BY Xunta] realizar un seguimento máis exhaustivo, constatando que os sistemas de abastecemento de auga están garantidos.
Así, intensifícase o labor exhaustivo de control do estado dos sistemas de abastecemento do río Eume e ría de Ares; da costa de Ferrol; do río Mera, da ría de Santa Marta de Ortigueira e da ría de Cedeira; do río Sor, da ría Santa Marta de Ortigueira e da ría de Viveiro; do río Landro e mais do río Ouro; do río Masma, da e ría de Ribadeo. Como xa se viña facendo nas rías de Vigo, Pontevedra, Arousa e Baiona; así como da ría da Coruña, Betanzos e Camariñas, entre outras.
Comeza nos estaleiros de Navantia en Ferrol a construción das fragatas F-110. Pedro Sánchez, que eleva os postos de traballo que xerarán ata 9.000 "entre directos e indirectos" ata 2031, presidiu o acto simbólico de inicio dos traballos xunto á vicepresidenta Yolanda Díaz, a ministra de Facenda, María Jesús Montero, e outros membros do Executivo central. O Goberno galego estivo representado polo vicepresidente segundo, Francisco Conde, tamén conselleiro de Economía. [Imaxe: © Pool Moncloa / Fernando Calvo]
A retirada da obriga xeral de uso da máscara en interiores será aprobado o vindeiro 19 de abril e entrará en vigor ao día seguinte, o 20. Así o confirmou o Ministerio de Sanidade ás comunidades autónomas.