O xulgado de Marín non asume a investigación do naufraxio do Villa de Pitanxo ao considerar que lle corresponde á Audiencia Nacional por tratarse de presuntos delitos cometidos fóra do territorio nacional. O Xulgado de Instrución número 2 de Marín devolve o caso aos xulgados centrais da Audiencia alegando que no tribunal galego “non consta que se descubrisen probas materiais do delito” como é o caso da balsa salvavidas recuperada polo buque Playa Menduíña II nas augas de Terranova, que si chegou a “outro partido xudicial”. Ademais, no auto asegúrase que o xulgado de Marín “non tivo formal coñecemento do delito” porque o primeiro atestado da Garda Civil xa foi dirixido á Audiencia Nacional.
Fálase
O Concello da Coruña incorporará a figura de Pedro Brandariz á praza do Humor, un espazo que a través de estatuas e caricaturas homenaxea un gran número de representantes do mundo da arte, o humor e a literatura. A praza, inaugurada no ano 1990, vai ser restaurada integramente. O cómico faleceu o pasado mes de febreiro aos 44 anos de idade.
Ribeira de Piquín estrea o primeiro caixeiro automático da súa historia. O municipio, de apenas 500 habitantes, conta cun dos terminais subvencionados pola Xunta e é un dos 36 que se sumou o acordo entre Goberno galego e a Fegamp.
A obriga xeral de uso da máscara en interiores decae tamén en Portugal, onde dende este venres son só obrigatorias en visitas a hospitais e residencias de maiores e mais no transporte público, ao xeito do aprobado polo Goberno de España esta mesma semana. O Executivo de António Costa mantén tamén, igualmente, algúns outros usos a xeito de recomendación.
A Xunta prorroga ata o 7 de maio a obriga de presentar o certificado COVID de vacinación, test negativo ou recuperación para realizar visitas a hospitais ou residencias da terceira idade e persoas con discapacidade. A prolongación da medida xa está publicada no DOG tras ser autorizada polo Tribunal Superior de Xustiza, que a ve "proporcionada" e pon o foco en que estes son ámbitos nos que tamén persiste a obriga de uso de máscara, por ser onde "pode haber unha maior concentración de persoas vulnerables, nas que o risco de enfermidade grave é maior, e onde a probabilidade de transmisión é máis alta".
O persoal da CRTVG aproba o preacordo entre comité e dirección que permitirá ofertar 270 prazas para consolidar o emprego temporal. As asembleas ratificaron o pacto con 98 votos a favor, 16 abstencións e 5 votos en contra, polo que quedan desconvocados os paros e a folga prevista para os 27 de abril e 1 e 2 de maio.
Os hospitais galegos precisan sangue dos grupos A Positivo, 0 Positivo e 0 negativo. A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) fai unha chamada ás galegas e galegos a participar na doazón de sangue nestes días porque “as reservas destes tres grupos sanguíneos presentan niveis baixos” despois das vacacións de Semana Santa.
Unha dotación de ADOS estará o venres en O Vicedo, Monte Alto e Cantón-Obelisco (A Coruña), Boiro, Lestedo, Vilagarcía, Nigrán, Navia (Vigo), Monforte e Allariz. E o sábado en Boiro, Vilagarcía, Nigrán, Palas de Rei e no Cantón-Obelisco (A Coruña).
A Xunta publica o seu novo protocolo de uso da máscara pola COVID no ensino. O documento admite que, atendendo á nova regulamentación estatal, é obrigatoria unicamente no transporte escolar, pero mantena como recomendada "con carácter voluntario" en todos os espazos interiores dos centros educativos. O documento íntegro [pdf] pódese consultar nesta ligazón. Na imaxe, de arquivo, un centro escolar en Trabada durante a pandemia.
A transición dixital na cultura e o patrimonio centra a xornada CULTURA DIXITAL: capacidades, retos e oportunidades no Sistema Ciencia-Tecnoloxía de Galicia que se celebra o venres no auditorio do Edificio Fontán da Cidade da Cultura, en Santiago. Un encontro que pretende tecer rede co sector produtivo galego, pois participan representantes dos clúster TIC, Audiovisual e de Turismo.
A xuntanza está organizada polo Campus Innova da Universidade da Coruña, en colaboración coa Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo (CRUSOE) e o Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas e Culturais (CISPAC). As tres universidades galegas presentarán proxectos de investigación relacionados cos videoxogos, a lingua, a cartografía, a visualización de datos ou a Historia contemporánea.
📺🎵EN VINTE | Eu chorar chorei. Ortiga e Pili Pampín gastan pista na mítica discoteca La Luna. O rei da cumbia galega underground e a raíña da canción popular e da verbena xúntanse para levar á pachanga un clásico da música tradicional. Podes escoitala e ver o vídeo en VINTE. É a colaboración que a cantante xa avanzara no podcast Retrocorenta, de Praza e VINTE
- 🔊PODCAST | Retrocorenta 6: Saímos á noite