O persoal da CRTVG aproba o preacordo entre comité e dirección que permitirá ofertar 270 prazas para consolidar o emprego temporal. As asembleas ratificaron o pacto con 98 votos a favor, 16 abstencións e 5 votos en contra, polo que quedan desconvocados os paros e a folga prevista para os 27 de abril e 1 e 2 de maio.
Fálase
Os hospitais galegos precisan sangue dos grupos A Positivo, 0 Positivo e 0 negativo. A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) fai unha chamada ás galegas e galegos a participar na doazón de sangue nestes días porque “as reservas destes tres grupos sanguíneos presentan niveis baixos” despois das vacacións de Semana Santa.
Unha dotación de ADOS estará o venres en O Vicedo, Monte Alto e Cantón-Obelisco (A Coruña), Boiro, Lestedo, Vilagarcía, Nigrán, Navia (Vigo), Monforte e Allariz. E o sábado en Boiro, Vilagarcía, Nigrán, Palas de Rei e no Cantón-Obelisco (A Coruña).
A Xunta publica o seu novo protocolo de uso da máscara pola COVID no ensino. O documento admite que, atendendo á nova regulamentación estatal, é obrigatoria unicamente no transporte escolar, pero mantena como recomendada "con carácter voluntario" en todos os espazos interiores dos centros educativos. O documento íntegro [pdf] pódese consultar nesta ligazón. Na imaxe, de arquivo, un centro escolar en Trabada durante a pandemia.
A transición dixital na cultura e o patrimonio centra a xornada CULTURA DIXITAL: capacidades, retos e oportunidades no Sistema Ciencia-Tecnoloxía de Galicia que se celebra o venres no auditorio do Edificio Fontán da Cidade da Cultura, en Santiago. Un encontro que pretende tecer rede co sector produtivo galego, pois participan representantes dos clúster TIC, Audiovisual e de Turismo.
A xuntanza está organizada polo Campus Innova da Universidade da Coruña, en colaboración coa Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo (CRUSOE) e o Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas e Culturais (CISPAC). As tres universidades galegas presentarán proxectos de investigación relacionados cos videoxogos, a lingua, a cartografía, a visualización de datos ou a Historia contemporánea.
📺🎵EN VINTE | Eu chorar chorei. Ortiga e Pili Pampín gastan pista na mítica discoteca La Luna. O rei da cumbia galega underground e a raíña da canción popular e da verbena xúntanse para levar á pachanga un clásico da música tradicional. Podes escoitala e ver o vídeo en VINTE. É a colaboración que a cantante xa avanzara no podcast Retrocorenta, de Praza e VINTE
- 🔊PODCAST | Retrocorenta 6: Saímos á noite
Renfe presenta a nova identidade visual do AVE, que fai énfase no V central. A empresa pública asegura que a marca e servizos AVE, que chegaron a Galicia o pasado decembro, están actualmente nun “proceso de renovación co que pretende achegarse a novos públicos e ampliar o seu número de usuarios, converténdose nun produto accesible a todos e ofrecendo unha maior flexibilidade na súa oferta comercial”.
Desconvocado o paro parcial previsto para este mércores na CRTVG para esixir a estabilización do emprego temporal. O comité intercentros toma a decisión para someter a referendo do persoal o último acordo alcanzado coa dirección, que inclúe a convocatoria de 269 prazas, 254 por concurso de méritos e 15 por concurso oposición, ademais do compromiso de "procurar solucións para a continuidade laboral" das persoas que puidesen ser cesadas. De aprobarse a proposta, quedarían tamén desconvocado o paro de media xornada odo 27 de abril e as folgas de xornada completa do 1 e 2 de maio.
Persoal da CRTVG continúa este mércores as mobilizacións para evitar 40 despedimentos e esixir que se consolide o emprego temporal. Se a corporación pública non dá unha "resposta satisfactoria", sinalan, as mobilizacións inclúen paros de media xornada o 20 e 27 de abril e folga de xornada completa o 1 e 2 de maio.
O PP de Galicia celebrará o 21 e 22 de maio en Pontevedra o congreso no que Rueda substituirá a Feijóo como líder do partido. Os eventuais precandidatos alternativos precisarán 90 sinaturas para postulárense. Así o sinalou o secretario xeral saínte, Miguel Tellado, no inicio da Xunta Directiva que oficializou a data. Tellado ratifica que o congreso "carecerá de relatorios políticos", polo que nel non serán debatidos documentos sobre a liña ideolóxica ou organizativa da formación, que si os abordou no congreso ordinario do pasado verán.
Rosalía inclúe A Coruña na súa xira mundial de presentación do disco Motomami. Concello e Xunta confirman o concerto para o vindeiro 29 de xullo no Coliseum, dentro da programación do Xacobeo. Imaxe remitida polo Concello da Coruña.