O Goberno central baixará este xoves o IVE da factura da luz do 21% ao 10% para aliviar o importe disparado do prezo da electricidade das últimas semanas. A medida será permanente para os consumidores domésticos cunha potencia contratada de ata 6 Kw e afectará tamén as pemes cunha inferior a 15Kw.
Fálase
As sirenas de 33 encoros de toda Galicia soarán este martes nun simulacro de como o farían en caso de ruptura. Aquí podes consultar o horario de cada simulacro.
Pedro Sánchez confirma que o Consello de Ministros aprobará este martes os indultos para os líderes independentistas cataláns condenados no xuízo do 'procés'. O presidente do Goberno de España ratificouno nun acto no Liceu de Barcelona, onde apelou á "concordia" e á necesidade de recuperar a "convivencia e a normalidade".
O Río Breogán ascende á Liga ACB. O equipo lucense imponse ao Granada por 57-83 no partido definitivo da final polo ascenso e regresará na tempada 21-22 á máxima categoría do baloncesto, ao que volve tamén o derbi galego entre o conxunto breoganista e o Obradoiro. (Imaxe: © CB Breogán)
Estragan, a poucas horas do Día Mundial das Persoas Refuxiadas, paneis da exposición instalada na Alameda de Santiago para lembrar os nomes de 40.555 persoas migrantes e refuxiadas mortas mentres se vían obrigadas a desprazarse. As imaxes foron divulgadas polo PSdeG compostelán, que manifesta "condena e rexeitamento a este tipo de actos de odio e intolerancia". O Concello de Santiago, que colabora coa exposición, condena estes actos "vandálicos e de odio" e o goberno local anuncia o impulso dunha declaración institucional de rexeitamento aos feitos e apoio ás persoas refuxiadas.
Detectados restos de pelo e fibras nas unllas de Déborah Fernández, a moza viguesa asasinada en 2002 cuxos restos foron exhumados para a realización dunha nova autopsia. A familia, que fixo públicos estes achados, confía en que permitan abrir novas pistas para esclarecer os feitos. Na imaxe, un dos carteis das reivindicacións impulsadas pola familia.
Pedro Sánchez anuncia a fin da obrigatoriedade xeral do uso da máscara en exteriores pola COVID para o 26 de xuño. O presidente do Goberno de España vén de avanzalo na súa intervención ante o Cercle d'Economia, en Barcelona. A medida implicará introducir cambios na chamada lei da 'nova normalidade', que serán aprobados o vindeiro xoves nun Consello de Ministros extraordinario. En Galicia, a obrigatoriedade xeral do uso da máscara en exteriores aínda que haxa distancia está implantada dende xullo de 2020.
A Comisión Interuniversitaria de Galicia publicou este xoves as notas da selectividade (ABAU). Pódense consultar nesta ligazón. Na imaxe, probas da ABAU en Pontevedra, o pasado 8 de xuño.
Salvamento Marítimo e a central de emerxencias do 112 Galicia veñen de informar de que foi localizado o corpo sen vida do mariñeiro desaparecido tras o naufraxio do Sempre Güeto esta tarde perto de Cedeira. Outro pesqueiro que se atopaba na zona rescatou o seu cadáver. Dous mariñeiros dos dez da tripulación faleceron neste naufraxio, pois o primeiro rescatado rematou falecendo en terra. Foto:Shipspotting
Galicia supera as 980.000 persoas coa vacinación contra a COVID-19 completa tras a administración de 33.955 doses na xornada do mércores. Dende o comezo da campaña de vacinación, o Sergas leva postas 2,32 millóns de doses, o 96,1% das recibidas. Un total de 1,44 millóns de persoas recibiron cando menos unha dose.