Portos de Galicia convoca a concesión por 50 anos de espazos públicos para explotar cafetarías en sete peiraos: Baiona, Burela, Cedeira, Ortigueira, San Pedro de Visma, A Pobra do Caramiñal e A Pasaxe. [Foto: Concello de Baiona]
Fálase
CRISE DE GOBERNO | Diego Calvo ascende a vicepresidente primeiro da Xunta e Ángeles Vázquez será a nova vicepresidenta segunda da Xunta nunha reestruturación obrigada pola confección das listas do PP para as xerais que implica que tamén saia da Xunta a veterana conselleira do Mar, Rosa Quintana, que será substituída polo ata agora alcalde de Cervo, Alfonso Villares. Máis información decontado en Praza.gal.
Marta Lois e Verónica Martínez Barbero, cabezas de lista de Sumar Galicia pola Coruña e Pontevedra, segundo publica Europa Press e adiantou Radio Galicia-Cadena Ser. A presidenta de Sumar e ex-concelleira de Compostela Aberta Marta Lois liderará a lista da coalición na provincia da Coruña e a ata hoxe directora xeral de Traballo no Goberno de España e anterior presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Verónica Martínez Barbero, será a número un na de Pontevedra.
Unha fuga radioactiva en Megasa obriga a deter a produción, aínda que non se percibe impacto medioambiental. A empresa siderúrxica de Narón sufriu a fuga o pasado 8 de xuño, da cal informou o Consello de Seguridade Nuclear (CSN) nun comunicado. A produción de aceiro segue paralizada e os materiais contaminados e o sistema de extracción de fume mantéñense illados.
O PP pacta na Comunitat Valenciana o seu primeiro bipartito autonómico coa extrema dereita de Vox tras o 28M . As negociacións entre ambas forzas implican que o candidato de Vox nas eleccións autonómicas, condenado por violencia machista, pase a optar ao Congreso nas xerais do 23X. [Imaxe: PPCV]
BNG e PSdeG afean ao PP a ausencia case total de deputados nas súas bancadas no reinicio do pleno do Parlamento ás 16:30 desta tarde tras tres horas de pausa -na imaxe-. Nese reinicio da sesión debatíase unha moción "sobre a política da Xunta de Galicia en materia de protección de menores en situación de risco e desamparo" formulada pola socialista Marina Ortega, que reprobou esa ausencia dos conservadores. No mesmo sentido expresouse na súa quenda a nacionalista Olalla Rodil, mentres que Raquel Arias (PP) retrucou reprochando ausencias pasadas de representantes da esquerda.
Jesús Vázquez, ex-conselleiro de Educación e ex-alcalde de Ourense polo PP, avoga pola retirada de José Manuel Baltar por ser "unha traba enorme para o partido" ou do contrario "vai chegar un momento no que vai haber que refundalo". Nunha entrevista con Ouké, Vázquez afirma sobre o barón ourensán que "non hai ninguén indispensable" a escasos días da constitución da nova corporación municipal coa Democracia Ourensana de Gonzalo Pérez Jácome como primeira forza e un xogo de maiorías que pode acabar sendo clave tamén para a Deputación.
Principia o traspaso de poderes do PSdeG ao BNG no Concello de Santiago. A capital galega é unha das dúas cidades galegas que mudará de signo político no goberno municipal o vindeiro sábado, cando se constitúan as novas corporacións municipais. A nacionalista Goretti Sanmartín será a alcaldesa á fronte dun goberno do Bloque (6 edís) no que previsiblemente participará tamén Compostela Aberta (2 edís), mentres que os 6 edís socialistas votarán a súa investidura, pero non gobernarán, cando menos neste inicio do mandato. Sanmartín subliña a "cordialidade e a posta á disposición" de diversos informes por parte do goberno saínte e o alcalde en funcións, Xosé Sánchez Bugallo, asegura desexarlle á vindeira rexedora "a máxima sorte e o máximo acerto". [Imaxe: © Concello de Santiago]
Rueda di que aínda non pensou quen substituirá o seu vicepresidente primeiro, Francisco Conde, que deixará a Xunta de xeito inminente tras designalo Feijóo candidato ao Congreso por Lugo. O presidente da Xunta considerábao "imprescindible" e "peza fundamental".
Stellantis Vigo terá que indemnizar o sindicato CUT con 30.000 euros por vulnerar o seu dereito á negociación colectiva. O TSXG acredita tres vulneracións á liberdade sindical nunha sentenza que vén de facer pública a central.