A Xunta adxudica o seguro co que quere cubrir a turistas que contraian a COVID en Galicia con coberturas que van de 500 a 15.000 euros
Fálase
A Fiscalía de Pontevedra recorre ante o Tribunal Supremo a sentenza que anulou a condena a Audasa a devolver as peaxes cobradas polos atascos en Rande. O Ministerio Público solicita anular o ditame da Audiencia e que o Supremo dite unha sentenza "no sentido da demanda orixinal" e na liña do xulgado do Mercantil que condenara a concesionaria da AP-9 a retornar os cartos. (Imaxe: © Miguel Riopa/Audasa)
Un incendio en oficinas municipais do Concello de Santiago, na rúa do presidente Salvador Allende, obriga á intervención dos Bombeiros. Os servizos de emerxencia actuaron no foco, de pequenas dimensións, escasos minutos despois de que se declarase e saltase a alarma da instalación, e dérono controlado sen dificultades. Descoñécese, polo momento, a orixe das lapas. (Imaxe: Praza Pública)
O Diario Oficial de Galicia publica as declaracións do patrimonio do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e do resto de membros do Consello do Goberno galego. É unha publicación fixada na lei de transparencia. Pódese consultar aquí.
O pleno do Congreso aproba definitivamente a Lei de Cambio Climático por ampla maioría. A norma establece, entre outros aspectos, obxectivos concretos de reducións de emisións contaminantes, zonas de baixas emisións nas cidades ou control dos vehículos de combustión.
LaLiga volve recorrer o arquivo do caso Bergantiños e a Audiencia Provincial deberá decidir se reabre ou pecha definitivamente a causa que fora sobresida polo xulgado. O futbolista fora investigado por presunta corrupción entre particulares tras filtrarse un audio de whatsapp e detido por dous axentes que serán investigados por posible detención ilegal.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia valida as restricións da Xunta pola COVID-19 tras o Estado de Alarma, en vigor dende o pasado domingo. A Sala considera, non obstante, que a Xunta debería xustificalas con máis datos epidemiolóxicos e científicos. Ao decaer o Estado de Alarma, os tribunais de Xustiza deben ratificar as medidas que atinxen a dereitos fundamentais.
O Parlamento de Galicia apoia por unanimidade esixir a Israel o cumprimento da legalidade internacional e "o respecto absoluto dos dereitos humanos do pobo palestino". Vén de facelo nunha declaración institucional, figura que só pode ser aprobada por unanimidade. En 2014, o Estado de Israel retrucou a unha declaración semellante cualificando de "inimigo" ao Parlamento de Galicia.
- HEMEROTECA (2014) | Israel declara "inimigo" o Parlamento de Galicia
Inditex continúa o peche de tendas en Galicia e clausurará seis establecementos máis este verán, entre eles o Pull&Bear do emblemático edificio do Cine París na Coruña, como adianta Economía Digital. A multinacional, que terá que recolocar 60 traballadoras, está a acelerar coa pandemia a súa viraxe ao negocio en internet.
Cando menos 30 persoas mortas en Palestina nas últimas horas polos bombardeos de Israel. A ONU observa a actual escalada en termos de guerra aberta mentres o Goberno de Israel asegura que se limita a responder aos foguetes lanzados por Hamas. Os desafiuzamentos de veciñanza palestina para entregar as súas vivendas a colonos e o dobre asalto policial á Explanada das Mesquitas desencadearon a actual situación. O xornalista Mikel Ayestaran está a contar sobre o terreo o que está a suceder. (Imaxe: @HoyPalestina)