O Estado homenaxea a Dolores Vázquez vinte e cinco anos despois do seu encarceramento inxusto tras ser sinalada como falsa culpable do asasinato da filla da súa ex-parella. A betanceira recibiu do Goberno de España a Medalla á Promoción dos Valores de Igualdade co gallo do Día da Visibilidade Lésbica. No acto evocou o "calvario" que viviu por mor da falsa acusación e agarda que a homenaxe sirva para que máis persoas poidan "entender que era e son inocente". "Non podía nin saír á rúa", lembra unha década despois de que a Xustiza lle denegase, alegando razóns formais, a indemnización que reclamou polos máis de 500 días que pasou na cadea.
Fálase
O profesorado galego vai mañá á folga por sexta vez este curso para exixir "melloras laborais reais" e a "garantía do seu cumprimento". CIG-Ensino convoca o paro e unha manifestación que sairá ás 12 do mediodía da Alameda de Santiago. O sindicato nacionalista cualifica de "anuncio propagandístico" o acordo difundido pola Xunta para reducir o horario do profesorado en Secundaria e adiantar a redución de ratios.
Nova xornada de folga no comercio téxtil e do calzado de Galicia contra o convenio estatal que intenta aprobar a patronal ARTE. CIG e UGT convocan paro en toda Galicia, con mobilizacións en todas as cidades. Na fogo, manifestación na Coruña. Máis información, hoxe en Praza.gal.
Nordesía Producións celebrou este sábado na Sala Capitol de Santiago o seu 30 aniversario cunha gala, presentada por Carlos Blanco, que homenaxeou o legado de Narf. Uxía, X.M. Budiño, A Pedreira & Alejandro Vargas ou Felisa Segade, entre outras, actuaron nunha noite que festexou as tres décadas de traxectoria da produtora pioneira no panorama cultural galego. O evento, coa banda lisboeta Expresso Transatlântico, serviu como lanzamento oficial da VII Edición do Festival MARÉ, que terá lugar do 23 ao 27 de setembro.
O Club Deportivo Aldebarán de San Sadurniño ascende á Superliga de voleibol, unha "fazaña para o recordo", como destaca a Federación Galega. O equipo deste concello rural de menos de tres mil habitantes, nacido hai catro década nun colexio público, competirá na máxima categoría a vindeira tempada.
Este 25 de abril Lugo celebrou o aniversario da Revolución dos Caraveis cun canto popular de "Grândola, Vila Morena" na Mosqueira. O acto organizado pola Tenencia de Alcaldía "reforza o compromiso do Concello de Lugo coa democracia, a memoria histórica e a cultura popular, nun momento de unión e participación cidadá que queremos compartir con toda a veciñanza". A convocatoria estivo marcada este ano pola denuncia da moción de censura presentada polo PP cunha edil tránsfuga e no evento participou a plataforma Tranfuguismo non, Democracia si
Ponte nas Ondas! xuntou este venres case un cento de escolas de 50 concellos de Galicia e Portugal nunha xornada radiovisual, con múltiples convidados e convidadas e que puido seguirse en directo a través da web. O alumnado de ducias de escolas galegas e portuguesas participou nas dez emisións en directo desde Allariz, Caión, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Valença de Minho, Viana do Castelo, Vigo e Vimianzo.
Fillas de Cassandra publican este venres Tertúlia, o seu segundo LP. O novo traballo discográfico de María SOA e Sara Faro conta coas colaboracións de Abraham Cupeiro, Ede, Pipiolas e Zetak. A xira de presentación do álbum arrincará o 9 de maio no Recinto Feiral de Pontevedra coa celebración dunha Gran Tertúlia que contará con numerosas invitadas.
- Fillas de Cassandra presentan 'Tertúlia': 12 cancións (e cadeiras) para "poñer a palabra no centro"
- ENTREVISTA | Fillas de Cassandra: "Redescubrímonos con cada traballo, o que ofrecemos son as nosas ideas"
- "Chegar tarde é mellor que non chegar": o novo de Fillas de Cassandra pide pausa contra "o desenfreo do Capital"
CIG-Saúde representa o enterro simbólico da atención primaria na sétima xornada de folga convocada desde o pasado mes de novembro. O sindicato nacionalista reclama "melloras nas condicións de traballo e medidas estruturais que eviten o colapso dos centros de saúde e dos PAC" logo dunha xuntanza coa Consellería de Sanidade "sen compromisos firmes nin solucións suficientes".
Rueda inicia a viaxe oficial á China visitando empresas de automoción, loxística e compoñentes en Shanghái e mantendo xuntanzas con, entre outros, o presidente da automobilística SAIC Motors, Xiaoqiu Wang. A intención, di o presidente da Xunta, que viaxa acompañado da conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, é "explorar novas oportunidades de negocio e posibilidades de investimentos" en Galicia. Na imaxe, Rueda agasallando con camisolas da selección galega de fútbol os directivos de SAIC, que á súa vez entregaron á delegacion galega camisolas do Shanghái Port, equipo da Superliga chinesa. [Foto: CC BY SA Xunta]