A nai de Déborah Fernández, a moza asasinada en Vigo no ano 2002, declara hoxe nos xulgados de Tui despois de que a familia lograse reabrir o caso ás portas da prescrición do crime, do que segue sen haber culpable coñecido malia ás múltiplas pistas que apuntan a unha morte violenta.
Fálase
A Xunta activa as subvencións para orquestras que fagan "promoción do Xacobeo 2021". A orde de axudas, publicadas hoxe no DOG; está dotada con 2 millóns de euros.
O Goberno de España valora declarar hoxe o estado de alarma en Madrid para manter o confinamento perimetral a causa do coronavirus, suspendido o xoves polo Tribunal Superior desa comunidade. Pedro Sánchez ten convocado un Consello de Ministros para as 12 da mañá, momento no que expiraría o prazo dado ao Executivo madrileño para manter as medidas por outras vías.
Rajoy e Barreiro Rivas vólvense reencontrar nunha conferencia organizada pola Fundación Empresa Universidad Gallega (FEUGA) baixo o título Diálogo sobre el futuro, este venres no Palacio de Congresos de Galicia (Santiago). Rajoy substituíu a Barreiro na vicepresidencia da Xunta en 1986, no marco dos duros enfrontamentos internos no Goberno de Alianza Popular que derivarían na moción de censura de 1987, antes da cal o gabinete do que Rajoy formaba parte levou a Barreiro aos tribunais. Na imaxe (©Goberno de España), ambos en 2014, na entrega dun premio da Fundación Santiago Rey Fernández Latorre.
- HEMEROTECA | Rajoy volve a Raxoi
Constituída no Parlamento a comisión para a reactivación económica pola crise da covid, presidida por Diego Calvo (PP), con Encarna Amigo (PP) na vicepresidencia e Noa Presas (BNG), na secretaría.
Senllos brotes da COVID-19 en dúas residencias de maiores na provincia de Ourense suman 152 novos casos de coronavirus, segundo confirma o Sergas. Trátase de 106 positivos na residencia Os Gozos, no Pereiro de Aguiar, e de 46 na residencia Val de Monterrei, en Verín. Ampliamos a información neste espazo de Praza.gal
O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid tomba as medidas de confinamento perimetral pola COVID-19 nesa comunidade autónoma no primeiro día das restricións idénticas en Ourense e Barbadás, adoptadas pola Xunta e que terán que ser ratificadas ou denegadas polo Tribunal Superior galego. O pasado xullo, os xulgados competentes nese momento deron o seu visto e prace aos confinamentos perimetrais na Mariña. O tribunal madrileño sostén que non é posible aplicalas apelando a unha Orde Ministerial, como sucede no caso da Comunidad de Madrid.
Hoxe comeza o confinamento perimetral de Ourense e Barbadás polo coronavirus e tamén as novas restricións en máis concellos da provincia ourensá. O DOG publicou a pasada noite a concreción das medidas
O Goberno de España presenta o seu plan para canalizar os fondos europeos de reconstrución que procurarán paliar os efectos da COVID-19. Segundo Pedro Sánchez, a intención do Executivo de PSOE e Unidas Podemos é concentrar a metade (72.000 millóns) no vindeiro trienio e asegura que aspira á creación de 800.000 postos de traballo. (Foto: Borja Puig de la Bellacasa / Goberno de España)
A Xunta confina Ourense e Barbadás. Os habitantes destes municipios "non poderán desprazarse fóra deles agás por motivos laborais, educativos ou sanitarios". Ademais, prohíbense as xuntanzas de persoas non convivintes nos concellos de Barbadás, Verín e O Barco de Valdeorras, e na comarca do Carballiño, ademais de manter a mesma restrición na capital, onde xa estaban en vigor dende o pasado venres. Os casos de coronavirus nesta área sanitaria teñen unha incidencia que duplica a media galega. Ampliamos a información neste espazo