O CIS mantén o PSOE en cabeza da estimación de voto cara a unhas eleccións xerais co 32,1% dos sufraxios, 2,3 puntos por riba do PP. Sitúa a Unidas Podemos como terceira forza, por diante de Vox e estima un 0,6% do total dos votos para o BNG.
Fálase
O pleno de Santiago aproba a nova limitación aos pisos turísticos concibida para "evitar a desaparición" da vivenda habitual. A modificación urbanística contempla preceptos como que as vivendas destinadas unicamente ao uso turístico só poidan estar situadas en baixos ou primeiros andares. Saíu adiante cos votos a prol do PSdeG e de Compostela Aberta. O BNG abstívose ao observar "falta de diálogo e negociación" na reforma e o PP votou en contra. Na imaxe, unha campaña do Concello no anterior mandato municipal contra os pisos turísticos ilegais.
Case 33.000 solicitudes en Galicia nas primeiras 24 horas do prazo para pedir a axuda de 200 euros aprobada polo Goberno de España para rendas inferiores a 27.000 euros. O prazo de solicitude deste pago único abriuse este mércores para pedir o subsidio neste espazo da sede electrónica da Axencia Tributaria. A sede da AEAT que máis solicitudes rexistrou en Galicia nesas primeiras vinte e catro horas foi a da Coruña, seguida das de Pontevedra e Vigo, segundo datos facilitados pola delegación gobernamental en Galicia.
Un pescador falecido en Monteferro (Nigrán). Estaba desaparecido desde esta mañá e varios equipos de emerxencias estaban tratando de localizalo, pero unha embarcación da Garda Civil achou o seu corpo na tarde deste xoves próximo á costa en Monteferro, segundo informa o 112 Galicia. O cadáver foi trasladado ao porto de Baiona [na imaxe CC-BY-SA Concello de Baiona].
O Congreso aproba definitivamente a lei trans, que recoñece a autodeterminación de xénero, e a lei de saúde sexual, que inclúe a nova regulamentación do dereito ao aborto. A lei de saúde sexual saíu adiante por ampla maioría absoluta (185 votos a prol, fronte 154 en contra e 3 abstencións) e o trámite final da lei trans saldouse coa aprobación de tres bloques de emendas procedentes do Senado por maioría absoluta (189, 281 e 279 votos a prol) e o rexeitamento doutra con 286. Na imaxe, a ministra de Igualdade, Irene Montero, no transcurso do debate final destas normas.
Rueda súmase á tese de Feijóo sobre o “dereito legal” e non “fundamental” das mulleres ao aborto e pide agora respectar a lei que o PP criticaba tras avalala o Constitucional. Preguntado pola súa opinión persoal o presidente di que non é relevante, remítese á do presidente do PP e di que o debate quedou rematado unha vez que se pronunciou o Constitucional que “dixo que a lei era válida e por tanto o que contén a lei convértese en dereito”.
A Cidade da Xustiza de Vigo require novas obras menos dun ano despois da inauguración tras gastar a Xunta nela 43 millóns de euros. O TSXG sinalou este mércores que é necesaria “a realización de certas melloras, entre elas a ampliación dalgunhas salas de vistas”.
Feijóo di agora que o aborto "é o dereito que ten unha muller de acordo coa lei do seu país" pero que non o "considera un dereito fundamental" por non figurar "na Convención de Dereitos Humanos". O ex-presidente e actual líder do PP agrega que "raia o cómico" que a prensa lle pregunte ao respecto tras fracasar o recurso do PP contra a lei do 2010 no Constitucional e acusa os medios de pretender "desviar a atención" sobre o que denomina "implosión histórica" do Goberno do PSOE e UP. A pasada semana, tras o rexeitamento do recurso no TC, dixo ver "correcta" a lei de 2010, cuxa derrogación apoiou dende a Xunta.
Salvamento Marítimo confirma o falecemento dun mariñeiro do pesqueiro vigués Novo Alborada, que faenaba no caladoiro do Gran Sol, a uhas 165 millas das illas Sorlingas (Reino Unido). O buque arrastreiro xa está camiño do Porto de Vigo co corpo do mariñeiro a bordo. O delegado do Goberno de España en Galicia, José Miñones, trasladou o seu pesar á familia e achegados do traballador e informou de que permanece "en contacto permanente coa armadora".
A Xunta envía catro foodtrucks por todo o Estado para "animar a consumir peixes e mariscos galegos" baixo lemas lemas como Mejillón busca amante para relación abierta, Merluza busca huevos para amar en tiempos revueltos, Sardiña busca cachelo que estea para mollar pan ou Bonito busca pareja para relación sana. A iniciativa foi presentada este mércores en Santiago polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana. "Percorrerán preto de 260 municipios de toda España vencellados co Camiño de Santiago para promocionar a calidade e versatilidade dos produtos galegos do mar ao abeiro da campaña Galicia sabe aMar", sinala o Goberno galego.