Case 33.000 solicitudes en Galicia nas primeiras 24 horas do prazo para pedir a axuda de 200 euros aprobada polo Goberno de España para rendas inferiores a 27.000 euros. O prazo de solicitude deste pago único abriuse este mércores para pedir o subsidio neste espazo da sede electrónica da Axencia Tributaria. A sede da AEAT que máis solicitudes rexistrou en Galicia nesas primeiras vinte e catro horas foi a da Coruña, seguida das de Pontevedra e Vigo, segundo datos facilitados pola delegación gobernamental en Galicia.
Fálase
Un pescador falecido en Monteferro (Nigrán). Estaba desaparecido desde esta mañá e varios equipos de emerxencias estaban tratando de localizalo, pero unha embarcación da Garda Civil achou o seu corpo na tarde deste xoves próximo á costa en Monteferro, segundo informa o 112 Galicia. O cadáver foi trasladado ao porto de Baiona [na imaxe CC-BY-SA Concello de Baiona].
O Congreso aproba definitivamente a lei trans, que recoñece a autodeterminación de xénero, e a lei de saúde sexual, que inclúe a nova regulamentación do dereito ao aborto. A lei de saúde sexual saíu adiante por ampla maioría absoluta (185 votos a prol, fronte 154 en contra e 3 abstencións) e o trámite final da lei trans saldouse coa aprobación de tres bloques de emendas procedentes do Senado por maioría absoluta (189, 281 e 279 votos a prol) e o rexeitamento doutra con 286. Na imaxe, a ministra de Igualdade, Irene Montero, no transcurso do debate final destas normas.
Rueda súmase á tese de Feijóo sobre o “dereito legal” e non “fundamental” das mulleres ao aborto e pide agora respectar a lei que o PP criticaba tras avalala o Constitucional. Preguntado pola súa opinión persoal o presidente di que non é relevante, remítese á do presidente do PP e di que o debate quedou rematado unha vez que se pronunciou o Constitucional que “dixo que a lei era válida e por tanto o que contén a lei convértese en dereito”.
A Cidade da Xustiza de Vigo require novas obras menos dun ano despois da inauguración tras gastar a Xunta nela 43 millóns de euros. O TSXG sinalou este mércores que é necesaria “a realización de certas melloras, entre elas a ampliación dalgunhas salas de vistas”.
Feijóo di agora que o aborto "é o dereito que ten unha muller de acordo coa lei do seu país" pero que non o "considera un dereito fundamental" por non figurar "na Convención de Dereitos Humanos". O ex-presidente e actual líder do PP agrega que "raia o cómico" que a prensa lle pregunte ao respecto tras fracasar o recurso do PP contra a lei do 2010 no Constitucional e acusa os medios de pretender "desviar a atención" sobre o que denomina "implosión histórica" do Goberno do PSOE e UP. A pasada semana, tras o rexeitamento do recurso no TC, dixo ver "correcta" a lei de 2010, cuxa derrogación apoiou dende a Xunta.
Salvamento Marítimo confirma o falecemento dun mariñeiro do pesqueiro vigués Novo Alborada, que faenaba no caladoiro do Gran Sol, a uhas 165 millas das illas Sorlingas (Reino Unido). O buque arrastreiro xa está camiño do Porto de Vigo co corpo do mariñeiro a bordo. O delegado do Goberno de España en Galicia, José Miñones, trasladou o seu pesar á familia e achegados do traballador e informou de que permanece "en contacto permanente coa armadora".
A Xunta envía catro foodtrucks por todo o Estado para "animar a consumir peixes e mariscos galegos" baixo lemas lemas como Mejillón busca amante para relación abierta, Merluza busca huevos para amar en tiempos revueltos, Sardiña busca cachelo que estea para mollar pan ou Bonito busca pareja para relación sana. A iniciativa foi presentada este mércores en Santiago polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana. "Percorrerán preto de 260 municipios de toda España vencellados co Camiño de Santiago para promocionar a calidade e versatilidade dos produtos galegos do mar ao abeiro da campaña Galicia sabe aMar", sinala o Goberno galego.
O Supremo condena a Manuel Fernández de Sousa-Faro, ex-presidente de Pescanova, a 6 anos de cadea. Son dous menos dos que lle impuxera a Audiencia Nacional.
IPC | O incremento anual dos prezos comezou 2023 en Galicia no 6,4%. O dato de xaneiro é o mesmo que o de decembro de 2022 e está cinco décimas por riba da media estatal, que comezou o ano no 5,9%, dúas décimas máis que no mes anterior, sobre todo pola fin do desconto xeral de 20 céntimos para os combustibles. Mentres, a variación do IPC interanual dos alimentos situouse en xaneiro en Galicia no 15,7% (nove décimas menos que en decembro), mentres que o dato medio estatal está no 15,5% (dúas décimas menos).