Donald Trump accede a iniciar o traspaso de poderes ao demócrata Joe Biden como vindeiro presidente dos EUA, comezando a aceptar de facto a súa derrota electoral malia teimar sen probas nas acusacións de fraude.
Fálase
Os 20 do XX, de Antón Varela, publicada nos últimos meses por Vinte, foi a gañadora do Premio á Mellor serie en versión orixinal en galego no Carballo Interplay, que rematou este sábado. Válidas, de Victoria Martín e Carolina Iglesias, obtivo tanto o Premio de Mellor webserie estatal como o Premio do Público. A produción portuguesa Subsolo conquistou o de Mellor serie internacional e David Fidalgo conseguiu o premio ao Mellor proxecto de webserie en galego coa serie de animación 2D dixital Cacola, que estreará na edición 2021 do festival
Coincidindo co 18 aniversario do desastre do Prestige, a asociación Unha Gran Burla Negra levou a cabo unha xornada sobre 'Arquivos cidadáns e memoria democrática'. O seminario, que ía celebrarse no Museo do Pobo Galego, realizouse finalmente a través da rede.
Sanidade incorpora Vilalba e A Laracha aos concellos con peche perimetral e restricións máis severas pola COVID-19 e "suaviza" as medidas no Carballiño. Así o vén de aprobar o subcomité clínico que vixía a pandemia. As novas medidas publicaranse nunha edición extraordinaria do DOG. Ampliamos a información neste espazo
O guitarrista ourensán Daniel Minimalia gaña o Grammy Latino ao mellor álbum instrumental polo seu traballo Terra.
O artigo #UNSEGREDOAVOCES. A loita feminista do alumnado da ESADg continúa na rede publicado en Vinte pola xornalista Adela Bértolo Lueiro é o gañador do Premio Alfredo Vicenti de Xornalismo Cívico que entrega o Ateneo de Santiago. O xurado acordou conceder accésits a David Reinero pola serie de reportaxes “O que custou o AVE a piques de rematar”, publicada en Praza.gal, e a Marta Otero Mayán polo artigo “Menores migrantes, ayer y hoy”. O pasado ano 2019 a gañadora do premio fora Montse Dopico por outra reportaxe publicada en Praza.gal.
O Colectivo Nós organiza na noite deste xoves un coloquio sobre a selección galega de fútbol coa presenza de Fernando Vázquez, Sergio Álvarez, Verónica Boquete e Xurxo Souto. Pódese seguir en directo a partir das 21 horas nesta ligazón.
O Congreso aproba por 177 votos a prol, 148 en contra e 17 abstencións a nova lei educativa impulsada pola ministra Isabel Celaá. Entre outras cuestións, a norma impedirá á Xunta renovar os concertos con colexios que segregan por sexo, agora vixentes ata 2023. Tamén garante o dereito a "recibir ensinanzas en castelán e nas demais linguas cooficiais". A norma continúa agora o seu trámite no Senado.
José Manuel Baltar destitúe como vicepresidente da Deputación de Ourense ao líder dos 'rebeldes' de Democracia Ourensana, Miguel Caride, tras a súa expulsión do partido de Gonzalo Pérez Jácome tras dous meses no cargo. Faino despois de que un informe da secretaría xeral da Deputación evidenciase que este nomeamento contradí a recente sentenza do Tribunal Supremo que impide que os tránsfugas non poden asumir cargos que melloren o seu rango político ou económico. Na imaxe, divulgada pola Deputación, Caride e Baltar.
O BOE publica a redución do prezo máximo de venda ao público das máscaras cirúrxicas desbotables. Tras a aplicación da baixada do IVE, este importe máximo queda en 62 céntimos IVE incluído, fronte aos 96 céntimos da anterior limitación